Congresistas demócratas retiran a petición a Biden de impulsar a diplomacia para acabar coa guerra en Ucraína

As presións recibidas fixeron recuar os representantes da á progresista da formación, que argumentan que a carta confundía os votantes dos próximos comicios, pola defensa do Partido Republicano de limitar a axuda a Ucraína.
Ataque onte a Dnipro (Ucraína). (Foto: Ukrinform / dpa)
photo_camera Ataque onte a Dnipro (Ucraína). (Foto: Ukrinform / dpa)

A misiva dos congresistas do Partido Demócrata dos Estados Unidos (EUA) que reclamaba ao presidente Joe Biden negociar con Rusia para pór fin á guerra en Ucraína foi publicada “polo persoal [que asiste os lexisladores] desafortunadamente e sen examinala”, cando levaba meses escrita, asegurou na madrugada desta cuarta feira Pramila Jayapal, líder do grupo de 30 representantes da á progresista da formación, anunciando que retiraban a solicitude.

Pese a isto, Jayapal incidiu en que “cada guerra remata coa diplomacia”, sostendo que “esta tamén o fará despois da vitoria de Ucraína”, 24 horas despois de defender que era responsabilidade dos EUA negociar un alto o fogo pola súa “participación na guerra”, en referencia á entrega de 45.000 millóns de euros a Kíiv en asistencia militar e financeira, segundo a recompilación da empresa alemá Statista.

Desde que o contido da carta foi feito público polo The Washington Post, as e os congresistas recibiron múltiples críticas no seo do partido, que trata de reter a maioría no Congreso e evitar a vitoria republicana -que predín as enquisas- nas eleccións do ecuador da lexislatura presidencial, que renovarán o 8 de novembro a Cámara de Representantes e un terzo do Senado.

Arredor dos comicios, Jayapal indicou que a misiva foi unha “distracción”, ao confundir a súa mensaxe coa da oposición crecente no Partido Republicano a continuar entregando o mesmo volume de axuda a Ucraína.

Con respecto á situación bélica, as autoridades do oblast de Khersón, dependentes de Moscova, informaron de que máis de 70.000 persoas foron evacuadas perante a ofensiva ucraína na rexión, que xa ameaza a capital, de nome homónimo.

Disuasión nuclear

Amais, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, supervisou uns exercicios de disuasión nuclear por terra, mar e aire, ensaiando un ataque masivo no caso dunha agresión externa.

Pola súa parte, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Jens Stoltenberg, acusou Moscova de “afirmar falsamente” que Kíiv prepara o lanzamento dunha bomba nuclear de baixo rendemento para culpar Rusia, responsabilizándoa de usar “pretextos para unha maior escalada”. Nos vindeiros días chegará a Ucraína unha misión do Organismo Internacional de Enerxía Atómica para investigar este suposto.

As autoridades ucraínas aseveraron que cando menos 11 civís faleceron a causa dos ataques rusos desde o comezo da terza feira até a mañá desta cuarta feira.

Comentarios