A UE trata a creación dun Estado palestino: "Que outras solucións considera Israel? Matalos?", pregunta Borrell

A presión contra Israel por parte dos seus aliados principais para que acepte a creación dun Estado palestino sen ocupación sionista vai en aumento. Entrementres, os masacres contra o pobo palestino en Gaza continúan a pesar de constatarse que Israel aínda está moi lonxe de acabar con Hamás.
Persoas fuxindo a semana pasada do campo de refuxiados de Nuseirat, en Gaza, após ser bombardeado polos militares israelís. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Persoas fuxindo a semana pasada do campo de refuxiados de Nuseirat, en Gaza, após ser bombardeado polos militares israelís. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

A negativa do primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí a permitir a creación dun Estado palestino sen ocupación sionista é “unha decepción”, transmitiu hoxe o Goberno británico, un dos principais aliados de Israel canda os Estados Unidos e a Unión Europea (UE).

O Gabinete reiterou que “unha solución de dous Estados” é “o mellor camiño cara a unha paz duradeira”, reflectindo o illamento cada vez maior de Israel na escena internacional, o que tamén está a afectar aos seus socios.

Aínda que Londres, Washington e Bruxelas sempre defenderon na teoría a solución dos dous Estados, as presións reais a Israel para levalo á práctica non comezaron até que boa parte dos Estados do Sur Global, apoiados por manifestacións coa presenza de millóns de persoas en todo o mundo, empezaron a premer estes actores, co responsabilizándoos dos masacres en Palestina pola cobertura ofrecida a Israel.

Neste contexto, e malia a súa incapacidade para acordar a demanda dun alto o fogo ou a condena ás accións israelís, os titulares de Exterior da UE debateron hoxe unha proposta do Alto representante para a Política Exterior, Josep Borrell, que lanzou un plan de paz que implica a creación dun Estado palestino tras unha conferencia internacional.

Borrell insistiu en que desde agora “non falarei do proceso de paz, senón do proceso de solución de dous Estados”, e inquiriu a Israel “que outras solucións consideran?”, “facer que todos os palestinos marchen? Matalos?”.

Persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica a agresión militar israelí. As intencións sionistas de expulsar o pobo palestino de Gaza foron corroboradas en Bruxelas por Israel Katz, ministro de Asuntos Exteriores israelí, que propuxo envialo a unha illa artificial fronte á costa de Gaza.

O aumento das críticas dos seus socios ao réxime de apartheid israelí vai en paralelo ás críticas no seo do Estado ás accións de Netanyahu pola súa aposta polas vías militares para liberar as máis de 100 persoas israelís detidas en Gaza desde a operación palestina do 7 de outubro de 2023.

Hoxe mesmo familiares das persoas detidas entraron á forza nunha reunión no Parlamento sionista exixindo medidas urxentes para a súa liberación, após saír milleiros de persoas á rúa a fin de semana en Tel Aviv para reclamar un acordo neste sentido e a convocatoria de eleccións.

Desde a oposición, as decisións de Netanyahu atribúense a unha tentativa de evitar render contas da súa responsabilidade pola resposta á operación da resistencia palestina e de manterse no poder cando avanzan os xuízos por corrupción na súa contra.

En paralelo, o outro obxectivo declarado nas accións militares israelís, a destrución da organización palestina Hamás, que goberna Gaza, está moi lonxe de conseguirse, conclúe un informe das axencias de Intelixencia estadounidenses difundido polo xornal The Wall Street Journal.

O documento admite que Hamás, que recuperou o control do norte de Gaza ao abandonalo os militares sionistas, conta con armamento dabondo para proseguir coa defensa do territorio fronte ao Exército israelí e cos lanzamentos de proxectís contra Israel “durante meses”.

Máis de 25.000 palestinas e palestinos mortos a mans de Israel

No mínimo 40 palestinas e palestinos foron asasinados hoxe en ataques israelís a cinco edificios, entre eles dous colexios, en Khan Younis, nos que se resgardaban buscando refuxio 30.000 persoas que fuxiran da violencia sionista noutras partes de Gaza. Hamás denunciou que Israel divulgara que estes lugares eran seguros antes de bombardealos.

Ademais, os soldados israelís asaltaron na cidade o hospital Al Khair, no que arrestaron o persoal sanitario.

25.295 persoas morreron desde o 7 de outubro nos ataques e no intento de invasión israelí da Faixa, a metade eran nenas e nenos, 30% mulleres e o resto homes maiores de idade.

Ao respecto dos intercambios de mísiles entre Irán e Paquistán, ambos os dous acordaron o regreso dos seus respectivos embaixadores para desescalar a situación.

Comentarios