Paquistán lanza un ataque de represalia contra territorio iraniano 24 horas despois de ser bombardeado

Unha paulatina escalada da situación en Palestina espállase por Asia Occidental tras os ataques dos Estados Unidos ao Iemen e o intercambio de disparos entre Irán e Paquistán, nun conflito no que tamén está implicado o Líbano, o Iraq e Siria.
O presidente de Irán, Ebrahim Raisi, nunha intervención hoxe. (Foto: Mohammad Javad Ostad / DPA)
photo_camera O presidente de Irán, Ebrahim Raisi, nunha intervención hoxe. (Foto: Mohammad Javad Ostad / DPA)

O Exército de Paquistán protagonizou na madrugada de hoxe un ataque con mísiles contra o que definiu como “acochos terroristas” na provincia iraniana de Sistán e Baluchistán, no sueste do Estado.

O Gabinete paquistaní sostivo que compartiu con Irán nos últimos anos “as súas serias preocupacións sobre os refuxios e santuarios dos que gozan os terroristas de orixe paquistaní que se fan chamar ‘Sarmachars’ [soberanistas baluchis] nos espazos non gobernados dentro de Irán”, e defendeu que o ataque se produciu por mor de "inminentes actividades terroristas".

Pola súa parte, a axencia IRNA indicou que “tres mulleres, catro crianzas e dous homes de nacionalidade estranxeira foron asasinados nunha vila situada a tres ou catro quilómetros 
da fronteira” con Paquistán.

Un día antes, foron os militares de Irán os que lanzaron un ataque con mísiles e drones contra o territorio de Baluchistán encadrado no Estado paquistaní dirixido a posicións do grupo xihadista Jaish al-Adl, que tamén defende a independencia baluchi e perpetrou varios atentados en Irán, que intercambiou de forma reiterada acusacións con Paquistán por acoller grupos armados que actúan na área fronteiriza.

Isto levou o Executivo de Paquistán a comunicar a retirada do seu embaixador en Irán e solicitarlle facer o mesmo coa súa representación diplomática en Islamabad, a capital paquistaní.

Mao Ning, voceira do Ministerio de Relacións Exteriores da China, subliñou que “se as partes o consideran preciso, a China está disposta a xogar un papel construtivo para rebaixar as tensións”.

Michael Kugelman, director do Centro Wilson para Asia Meridional, explicou á canle BBC que “as represalias de Paquistán aumentan o risco dunha escalada, mais tamén brindan a oportunidade de afastarse do abismo. De feito, agora as dúas partes están empatadas”.

Sexa como for, o bombardeo iraniano en Paquistán enmarcouse nunha vaga de ataques esta semana, na que os seus mísiles golpearon Erbil, a capital do Kurdistán iraquí, e o noroeste de Siria, que Irán xustificou na presenza dunha sede do Mossad, a Intelixencia israelí, e do Estado Islámico respectivamente.

Esta serie de lanzamentos desde Irán producíronse apenas dúas semanas despois do atentado no país no que faleceron 84 persoas nas conmemoracións polo cuarto cabodano do xeneral Qasem Soleimani, asasinado polos Estados Unidos no Iraq. O Estado Islámico asumiu a autoría mais Irán culpou os Estados Unidos e Israel, deixando entrever que o grupo xihadista actúa en base ás súas ordes.

Os medios iranianos consideraron o ataque a Siria como unha demostración das capacidades dos seus mísiles de longo alcance e como unha mensaxe para ambos os dous países. A finais de decembro, Israel matou nun dos seus ataques contra Siria o xeneral iraniano Reza Moussavi.

Sen saír de Asia Occidental, e máis aló da agresión israelí contra o territorio palestino de Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como unha limpeza étnica e un xenocidio, a tensión tamén está a escalar no mar Vermello.

Alí, os Estados Unidos lanzaron o cuarto bombardeo contra o Iemen en menos dunha semana, aducindo que buscaban atacar posicións do movemento hutí, que controla as áreas máis poboadas do país, logo de que o grupo antiimperialista intensificara os ataques contra buques vinculados con Israel para exixir a fin da súa agresión militar contra Palestina.

En última instancia, a cuarta feira Washington incluíu os hutís dentro da súa listaxe de organizacións terroristas, ao que respondeu o movemento atacando cun drone un buque de carga estadounidense, o que provocou un incendio na embarcación, despois de advertir que os bombardeos estadounidenses -e británicos- contra o país converteron “todos os [seus] intereses” en “obxectivos lexítimos”.

Entrementres, Sergei Lavrov, titular de Exteriores ruso, instou os Estados Unidos a “deter a agresión contra o Iemen”, así como a deixar de ignorar “todas as normas do dereito internacional” e de violar as resolucións do Consello de Seguridade da ONU.

30% menos buques no canal de Suez

A operación hutí no mar Vermello, a entrada desde o océano Índico ao canal de Suez, supuxo un descenso de 30% nos tránsitos e de 40% nos ingresos da ruta nas dúas primeiras semanas do ano ao comparalas co mesmo período de 2023, trasladou Osama Rabie, presidente da Autoridade do Canal de Suez. Esta ruta acumula máis de 10% do comercio mundial e é especialmente importante para a Unión Europea.

Ao tempo, malia que os Estados Unidos reiteran que os ataques ao Iemen non pretenden acabar coas negociacións encabezadas pola ONU para alcanzar un acordo de paz que poña fin á guerra que comezou en 2014 no país, a canle Al Jazeera apunta que están a ameazar o pacto que ultiman os hutís con Arabia Saudita, que co apoio estadounidense bombardeou o Iemen desde 2015 para manter os seus aliados no poder, nunha guerra que deixou aproximadamente 400.000 mortes.

Amais dos hutís, organizacións como a libanesa Hezbolá tamén forman parte do Eixo da Resistencia, responsábel de máis dun centenar de ataques contra bases militares estadounidenses no Iraq e Siria desde o comezo da agresión israelí á Faixa. Na fronteira entre Israel e o Líbano, os choques continúan entre o Exército sionista e Hezbolá. Nese contexto, os militares israelís bombardearon Meiss el-Jabal, no sur do Líbano, con fósforo branco, cuxo uso está prohibido contra a poboación civil.

Case 25.000 mortes na Faixa de Gaza

Xa en Gaza, a cifra de palestinas e palestinos asasinados polos bombardeos indiscriminados de Israel contra a poboación civil ascendeu a 24.620. Ademais, un total de 61.830 persoas resultaron feridas.

Nas últimas xornadas, os principais obxectivos dos ataques sionistas foron Khan Younis e Rafah, no sur da Faixa. Nesta última cidade, na que vivían 300.000 persoas até o 7 de outubro de 2023, concéntranse 1,2 millóns que chegaron fuxindo dos bombardeos israelís, máis da metade da poboación de Gaza, da que 85% tivo que desprazarse para salvar a vida.

Ademais dos bombardeos contra centros sanitarios, ambulancias e equipos de saúde, o asedio israelí contra Gaza tamén está a causar mortes masivas por falta de medios. “Vin nenos cheos de metralla morrendo no chan posto que non hai subministracións no departamento de emerxencias ou traballadores da saúde para coidalos”, revelou Sean Casey, da Organización Mundial da Saúde, após visitar hospitais no territorio palestino.

No medio da falta de auga potábel, hixiene ou servizos de xestión de residuos nunha cidade ateigada como Rafah, Riyad Qishta, do hospital Abu Youssef Al Najjar, confirmou que a hepatite C estase a propagar por primeira vez entre crianzas, adultos e persoas maiores.

Asemade, por sétimo día consecutivo as telecomunicacións en Gaza seguían sen funcionar. O grupo de dereitos humanos Access Now fixo fincapé en que “é inadmisíbel xogar coa conectividade no medio dunha violencia sen precedentes”, ao obstaculizar a coordinación da axuda humanitaria e documentar os acontecementos no terreo, criticando o uso dos cortes como “armas de guerra”. Segundo o xornal Politico, até o principal aliado israelí, os Estados Unidos, demandou a reactivación das telecomunicacións.

Proposta para acabar coa guerra

Citando un “alto funcionario árabe”, o xornal Financial Times publicou que os países árabes ultiman unha proposta para acabar cos masacres en Gaza e crear un marco de paz duradeiro, que pasaría pola creación dun Estado palestino a cambio da normalización das relacións entre Israel e Arabia Saudita. A pesar de que o Goberno de ultradereita israelí se gabou de ter evitado a creación dun Estado palestino, os Estados Unidos premen para que o acepte despois de reclamalo o Sur Global.

Comentarios