Continúan os bombardeos israelís nunha Faixa de Gaza que leva case dúas semanas sen medicamentos

A Organización Mundial da Saúde (OMS) cancelou este domingo por cuarta vez desde finais de decembro unha misión de subministracións médicas aos hospitais do norte da Faixa de Gaza por falta de garantías de seguridade, polo que xa pasaron doce días desde a última vez que accederon a esta zona do enclave.
Ruína na cidade de Rafah, en Gaza (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).
photo_camera Ruína na cidade de Rafah, en Gaza (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).

Polo menos 73 persoas palestinas morreron e outras 99 resultaron feridos nas últimas 24 horas como consecuencia dos bombardeos do Exército de Israel contra a Faixa de Gaza. A maior parte das vítimas producíronse no centro e no sur do enclave, segundo datos do Ministerio de Saúde palestino citados polo diario palestino Filastín na súa canle de Telegram.

Case unha vintena de persoas, entre eles unha crianza, morreron tras o ataque da aviación israelí contra un edificio residencial en Deir al Balá, no centro da Faixa gazatí. En Jan Yunis, no sur, e onde actualmente o Exército israelí se encontra realizando unha operación militar terrestre, os bombardeos continuaron sen cesar "desde as primeiras horas do amencer" e puidéronse escoitar "tiroteos esporádicos no leste e o oeste" da cidade, segundo Filastín.

22.800 asasinatos

O Exército de Israel lanzou a súa ofensiva contra o enclave palestino o día 7 de outubro. As autoridades palestinas denuncian perto de 22.800 palestinos mortos por mor dos ataques, aos que se suman máis de 315 mortos en operacións das forzas de seguridade e ataques por parte de colonos en Cisxordania e Xerusalén Leste.

Ademais, a Organización Mundial da Saúde (OMS) cancelou este domingo por cuarta vez desde finais de decembro unha misión de subministracións médicas aos hospitais do norte da Faixa por falta de garantías de seguridade, polo que xa pasaron doce días desde a última vez que accederon a esta zona do enclave.

"Os intensos bombardeos, as restricións de movemento e as interrupción de comunicacións están a facer case imposíbel entregar subministracións médicas de maneira regular e segura en toda Gaza, particularmente no norte", explicou o organismo que denuncia unha "grave escaseza de persoal" porque estes se foron "debido a ordes de evacuación e inseguridade".

Esta misión tiña o obxectivo de trasladar subministracións médicas que se necesitan con urxencia para manter as operacións de cinco hospitais do norte do enclave. Á súa vez, a isto súmase que o acceso dos pacientes aos centros de saúde vese obstaculizado "por condicións perigosas".

Comentarios