O Gabinete de guerra sionista, "ao bordo do colapso"

Case 25.000 palestinas e palestinos foron asasinados polo Exército israelí desde o pasado 7 de outubro.
Crianza ferida na Faixa de Gaza. (Foto: Khaled Omar / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Crianza ferida na Faixa de Gaza. (Foto: Khaled Omar / Xinhua News / Contactophoto)

As diferenzas sobre os seguintes pasos na agresión militar israelí contra o territorio palestino de Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como unha limpeza étnica e un xenocidio, levaron o Gabinete de guerra do Goberno de extrema dereita sionista ao “bordo do colapso”, subliñou hoxe o xornal The Jerusalem Post.

A posición do primeiro ministro Benjamin Netanyahu, que endureceu sen avisar ao resto de integrantes do Gabinete as exixencias nas negociacións para un alto o fogo con Hamás e ao que a oposición acusa de buscar exclusivamente a súa permanencia no poder, “está a esgotar a paciencia” do seu principal aliado, os Estados Unidos, e “a pregunta xa non é se haberá eleccións en 2024, senón cando”.

Gadi Eisenkot, membro do Gabinete de guerra, instou a “deixar de mentirnos a nós mesmos” e aceptar que para que as máis de cen persoas israelís detidas en Gaza sexan liberadas é preciso un acordo cun alto o fogo, facendo fincapé en que reiterar que poderán ficar libres por outros medios, como insiste Netanyahu para proseguir cos masacres en Gaza, é propagar “ilusións”.

Aínda que non hai ningún indicio de que Washington vaia deixar de apoiar diplomaticamente e con armamento a Israel, na última semana insistiu na necesidade da creación dun Estado palestino sen ocupación israelí para aspirar a unha paz duradeira na rexión, afirmacións rexeitadas por Netanyahu.

Entrementres, os militares sionistas intensificaron os bombardeos no centro de Gaza logo de abandonar a meirande parte das súas posicións no norte, e atacaron onte o hospital al-Amal e as proximidades do hospital Nasser en Khan Younis.

Asemade, a Oficina da ONU para os Dereitos Humanos denunciou que presos palestinos nos campos de detención israelís en Gaza foron liberados en pleno inverno case espidos e en ocasións só cos cueiros que lles obrigan a levar durante o arresto. As vítimas relataron que “foron golpeadas, humilladas, maltratadas e sometidas a abusos que poderían ser considerados tortura”.

O Fondo da ONU para a Infancia, Unicef, asegurou que as crianzas en Gaza padecen “as condicións máis horríbeis que xamais víramos”. Entre as case 25.000 persoas asasinadas por Israel en Gaza desde o 7 de outubro máis de 10.000 eran nenas e nenos.

En paralelo, Israel recoñeceu que os seus militares profanaron tumbas na Faixa após documentarse como escavou en varios cemiterios, deixando os corpos palestinos tirados no chan.

Comentarios