As mortes en Gaza a mans do exército de Israel xa superan as 25.000

Multitude de persoas palestinas seguen baixo as ruínas e nas estradas, pero os equipos de ambulancias e de defensa civil non poden chegar até elas, afirman as autoridades de Palestina.
Crianzas palestinan ollan as ruínas derivadas de bombardeos israelís na Faixa de Gaza (Foto: Europa Press / Contacto / Mahmoud Issa).
photo_camera Crianzas palestinan ollan as ruínas derivadas de bombardeos israelís na Faixa de Gaza (Foto: Europa Press / Contacto / Mahmoud Issa).

As vítimas mortais en Gaza pola agresión israelí desde o pasado 7 de outubro ascenden a 25.105, reportou este domingo o Ministerio de Saúde palestino. Os feridos nese período suman un total de 62.681.

Así mesmo, o organismo precisou que a ocupación israelí cometeu 15 masacres contra familias na Faixa de Gaza, cobrándose 178 mortos e 293 feridos durante as últimas 24 horas. Multitude de persoas seguen baixo as ruínas e nas estradas, pero os equipos de ambulancias e de defensa civil non poden chegar até elas.

Mentres, o presidente de Israel, Isaac Herzog declarou na quinta feira no Foro Económico Mundial de Davos que a cidadanía de Israel non pode pensar nun proceso de paz cos palestinos nestes momentos.

Ademais, a posición do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, que endureceu sen avisar ao resto de integrantes do Gabinete as exixencias nas negociacións para un alto o fogo con Hamás e ao que a oposición acusa de buscar exclusivamente a súa permanencia no poder, “está a esgotar a paciencia” do seu principal aliado, os Estados Unidos, e “a pregunta xa non é se haberá eleccións en 2024, senón cando”.

Posición da ONU

A agresión militar de Israel contra o territorio palestino de Gaza “desatou unha destrución a un ritmo sen precedentes”, sentenciou o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, ao conmemorar os 100 días desde o inicio dos bombardeos que deron paso ao intento de invasión.

“Nada pode xustificar o castigo colectivo do pobo palestino”, recalcou, incidindo en que “estou profundamente preocupado pola clara violación do dereito internacional humanitario que estamos a presenciar”, nunha ofensiva sionista que persoas expertas da ONU cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

Comentarios