Turquía descarta aceptar a entrada de Suecia na OTAN antes da cimeira de xullo en Lituania

A alianza militar liderada polos Estados Unidos e o propio Goberno de Washington premen para que Estocolmo ingrese.
Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Europa Press / Contacto / Turkish Presidency)
photo_camera Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Europa Press / Contacto / Turkish Presidency)

“Suecia ten expectativas”, mais “iso non significa que as vaiamos cumprir”, ratificou o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, en referencia á presión de Estocolmo e da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para que Ancara acepte a adhesión do país nórdico antes da cimeira da alianza militar en xullo, que decorrerá en Lituania, nunhas declaracións publicadas a cuarta feira.

Amais, descartou que antes do cumio o país dea luz verde a esta posibilidade, sinalando que Suecia aínda non fixo dabondo, tras exixirlle combater os activistas kurdos, que considera “terroristas”. A comezos desta semana o Goberno sueco aprobou a extradición dun simpatizante do Partido dos Traballadores do Kurdistán que fora condenado por posesión de drogas en Turquía.

No medio das negociacións bilaterais e após a viaxe a Turquía do secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, o xefe negociador de Suecia, Oscar Strenstrom, defendeu que “creo” que fixemos suficiente, mais “Turquía aínda non está lista para tomar unha decisión”.

Xa ao respecto de Hungría, o outro membro da OTAN que aínda non aprobou a incorporación de Suecia, James Risch, un senador do Partido Republicano estadounidense, bloqueou na Cámara alta a venda dun sistema lanzamísiles a Budapest en represalia por non aceptar a ampliación da OTAN.

No que atinxe a Ucraína, que tamén reclamou entrar na alianza militar, fíxose público que na cimeira de Lituania non se lle ofrecerá un calendario para a adhesión, optando a OTAN por abrir a porta a unha entrada acelerada no futuro após unha hipotética invitación ao país neste sentido.

Nord Stream

Ao tempo, unha investigación conxunta de medios holandeses e alemáns sobre o atentado contra os gasodutos Nord Stream -que unen Rusia con Alemaña- o pasado mes de setembro, acusou o comandante en xefe dos militares ucraínos, o xeneral Valeri Zaluzhny, de dirixir o ataque.

Pola súa parte, Rusia rexeitou a autoría ucraína e instou a efectuar unha investigación internacional transparente e aclarar “o papel dos Estados Unidos”, o “principal beneficiario da remodelación do mercado enerxético europeo”. Wang Wenbin, voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores chinés, cuestionou que “pasaran oito meses desde a explosión pero o proceso de investigación foi lento, é sorprendente que Washington permanecera en silencio esta vez”.

Comentarios