Suecia intenta reactivar as conversas con Ancara para entrar na OTAN

O secretario xeral da ONU alerta de que a guerra en Ucraína camiña cara á unha "guerra máis ampla". Pola súa banda, Suecia trata de reabrir as negociacións con Turquía para que acepte o seu ingreso na OTAN.

Jens Stoltenberg. (Foto: ZUMA Press Wire / dpa)
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg. (Foto: ZUMA Press Wire / DPA)

Ulf Kristersson, primeiro ministro sueco, insistiu esta terza feira en que Estocolmo está listo para reiniciar as negociacións con Turquía para que Ancara acepte a súa entrada na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), o que exixe unanimidade entre todos os Estados membros da alianza militar liderada polos Estados Unidos.

O líder conservador, que goberna co apoio da extrema dereita, fixo un chamamento a “calmar a situación” por mor da dificultade de “ter boas conversas cando as cousas están literalmente ardendo ao teu redor”, após a ruptura das negociacións o mes pasado pola queima dun Corán nun acto público diante da embaixada turca en Suecia. Turquía pediu a entrega do que considera “terroristas” kurdos que residen no país nórdico para avalar a entrada na OTAN, o que espertou as preocupacións das entidades en defensa dos dereitos humanos.

Malia que Ancara sinalou que podería aceptar a adhesión de Finlandia, cuxo proceso se desenvolve en paralelo ao de Suecia, polo de agora ambos os  dous países manteñen publicamente que a súa intención é entrar xuntos. A pesar diso, medios fineses afirman que Helsinki está disposto a avanzar en solitario se agardar por Estocolmo implica un grande atraso.

Pola súa banda, o secretario xeral da alianza militar, Jens Stoltenberg, apunta que confía en que finalmente Turquía asinará a adhesión, nunha decisión que chegará despois dos comicios de maio, segundo informaron as autoridades turcas.

No que atinxe á guerra en Ucraína, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, laiouse de que “as perspectivas de paz seguen a diminuír” mentres as “posibilidades dunha maior escalada e derramamento de sangue seguen a medrar”, alertando de que o planeta “camiña cos ollos ben abertos cara á unha guerra máis grande”.

Armas químicas en Ucraína

No plano bélico Moscova acusa Kíiv de usar armas químicas ilegais na contorna de Bakhmut e Vugledar, en Donetsk, indicando que recibiron reportes nese sentido nas últimas tres semanas, unha denuncia que as autoridades ucraínas negan.

Amais, o ministro de Defensa ucraíno, Oleksi Reznikov, cuxa destitución chegaron a anunciar fontes gobernamentais a medios internacionais pola súa implicación no escándalo de corrupción que provocou o cesamento de ducias de altos funcionarios, fixo público que se manterá no posto “fortalecendo a defensa” do país.

Comentarios