A maior despregadura militar de forzas aéreas da OTAN provocará o desvío de 800 voos diarios en Europa

Eurocontrol estima que unhas 300 operacións diarias terán roteiros máis longos por mor destas manobras militares.
Un Airbus A400M das Forzas Aéreas alemás durante as manobras da OTAN na base aérea de Wunstorf, Hannover. (Foto: Julian Stratenschulte / DPA)
photo_camera Un Airbus A400M das Forzas Aéreas alemás durante as manobras da OTAN na base aérea de Wunstorf, Hannover. (Foto: Julian Stratenschulte / DPA)

O programa Air Defender 23, unha das manobras militares aéreas máis grandes até a data das organizadas pola OTAN, provocará o desvío de aproximadamente 800 voos diarios no continente europeo até o vindeiro 22 de xuño, segundo datos de Eurocontrol.

A alianza militar iniciou esta segunda feira en Alemaña os exercicios aéreos máis importantes da súa historia, coa participación de 250 aeronaves e 10.000 tropas procedentes de 25 estados distintos, que afectarán o espazo aéreo ocupado no país alemán, República Checa, o norte de Polonia e o leste de Francia.

Nun comunicado, Eurocontrol estima que unhas 300 operacións diarias terán roteiros máis longos nunha media de 60 millas náuticas e confía en que o atraso medio en roteiro por voo durante o período do exercicio sexa de entre 2,5 e 3 minutos.

A entidade europea aclarou que "non haberá necesidade de cancelacións estratéxicas de voos". Tamén avisou que "debe prestarse especial atención aos voos que operen perto dos toques de recoller para evitar desvíos".

Os exercicios da OTAN buscan "potenciar a interoperabilidade" e a preparación dos aliados para protexerse de ataques con avións, drons e mísiles contra cidades e infraestruturas críticas. Outros adestramentos incluirán o apoio a tropas terrestres e misións de evacuación, informou a organización militar.

Comentarios