Suecia certifica que os gasodutos Nord Stream 1 e Nord Stream 2 foron atacados con explosivos

Os gasodutos entre Rusia e Alemaña saíron de servizo o 26 de setembro tras rexistrarse unha caída de presión, limitando a capacidade de envío de gas natural ruso á Unión Europea.
Bombardeo ruso en Lviv. (Foto: Pavlo Palamarchuk / SOPA Images vi / DPA)
photo_camera Bombardeo ruso en Lviv. (Foto: Pavlo Palamarchuk / SOPA Images vi / DPA)

“As análises realizadas amosan restos de explosivos en varios dos obxectos estraños atopados”, confirmou esta sexta feira Mats Ljungqvist, fiscal encargado da investigación en Suecia, en referencia á sabotaxe dos gasodutos Nord Stream, que unen Rusia con Alemaña, o pasado 26 de setembro.

O fiscal asegurou que as investigacións “deben mostrar se alguén pode ser sospeitoso do delito”, sostendo que as pescudas son “complexas e extensas”. As autoridades rusas foron excluídas da investigación por Dinamarca, Alemaña e Suecia.

Pola súa banda, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, incidiu en que esta información “confirma unha sabotaxe ou acto terrorista”, como denunciaron desde que se produciron os feitos, e fixo fincapé na importancia de “localizar os que estiveron detrás desta explosión”, criticando que Suecia e Dinamarca veten os seus expertos cando “non están relacionados directamente coas operacións ou os detalles técnicos”.

Desde que foi detectada a sabotaxe, as autoridades rusas deixaron entrever que un país occidental estaba detrás do acontecido, incidindo en que os Estados Unidos (EUA) é o principal beneficiario da ruptura da principal vía de subministración de gas natural de Rusia á Unión Europea. De feito, Washington xa cuestionou a infraestrutura -que reduciría as vendas de gas natural licuado estadounidense- durante a súa construción, chegando a impor sancións unilaterais.

Amais, expertos ucraínos chegaron á Przewodów, en Polonia, para participar na investigación sobre a caída dun mísil a terza feira que matou dúas persoas. Kíiv mantén que se tratou dun ataque ruso a pesar de que a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e os EUA recoñeceron que foi un disparo do sistema anti aéreo de Ucraína. O asesor de Seguridade Nacional dos EUA, Jake Sullivan, chegou a contactar o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, para que controlase as súas palabras, após reclamar pouco despois da caída  do mísil unha intervención da OTAN contra Rusia.

No plano bélico, o Ministerio de Defensa ruso acusou o Exército ucraíno de executar 10 prisioneiros de guerra rusos que inmobilizaran previamente, mentres que Ucraína informou de que arredor de 10 millóns de persoas quedaron sen electricidade polos bombardeos rusos do sistema eléctrico.

Asemblea da OTAN en Madrid

Ao tempo, esta sexta feira comezou en Madrid (Estado español) a Asemblea Parlamentaria da OTAN, que finaliza a segunda feira, na que lexisladores dos Estados membros avalían a aplicación da nova liña estratéxica fixada pola alianza militar en xuño.

Comentarios