A OTAN recoñece que un mísil ucraíno foi o responsábel de dúas mortes en Polonia

Kíiv acusa as Forzas Armadas rusas do bombardeo en territorio polaco incluso despois de que a OTAN recoñecera a súa autoría no disparo dun mísil que matou dúas persoas en Polonia.
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, dirixiuse onte aos xornalistas desde o cuartel central da alianza militar en Bélxica. (Foto: OTAN)
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, dirixiuse onte aos xornalistas desde o cuartel central da alianza militar en Bélxica. (Foto: OTAN)

“A análise preliminar suxire que é probábel que o incidente fora provocado por un mísil das defensas anti aéreas ucraínas”, trasladou a terza feira o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, tras horas de tensión pola caída dun proxectil a noite da segunda feira na localidade polaca de Przewodów, a 20 quilómetros da fronteira con Ucraína, que acabou coa vida de dúas persoas.

Asemade, Stoltenberg descartou que se tratara “dun ataque deliberado” ou de que Rusia “estea a preparar accións militares ofensivas contra a OTAN”, insistindo en que “non é culpa de Ucraína”.

A pesar desta información, confirmada polas autoridades de Varsovia, o primeiro ministro polaco, Mateusz Morawiecki, incidiu en que aínda non tomaron unha decisión sobre se activar o artigo 4 do tratado da alianza militar dirixida polos Estados Unidos, que chama a consultas se a “integridade territorial, a independencia política ou a seguridade” dun dos membros fose ameazada. Este punto precede a activación do artigo 5, que avala unha intervención militar para responder a un ataque contra algún dos integrantes da alianza.

Para o representante ruso na Organización das Nacións Unidas (ONU), Dmitri Poliansky, o bombardeo en Polonia é un intento de Ucraína para “provocar un enfrontamento militar directo entre a OTAN e Rusia”. O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, incidiu en que os militares polacos “tiñan todos os medios posíbeis para informar de inmediato” de que o mísil era ucraíno, e criticou a reacción "rusófoba" de diversos países sen saber que acontecera.

Malia que nas primeiras declaracións oficiais Washington non confirmou os feitos até que avanzaran as pescudas, un alto funcionario da súa Intelixencia defendeu en AP na noite da segunda feira que foran mísiles rusos os que caeran en Polonia, mentres as autoridades polacas reiteraron que eran proxectís “de fabricación rusa”.

O Ministerio de Defensa de Moscova comunicou que, en base ás imaxes feitas públicas dos restos da explosión, era un mísil guiado anti aéreo S-300 das Forzas Armadas ucraínas, así como que os ataques do día anterior non se produciron a menos de 35 km da liña que divide Polonia e Ucraína.

Ucraína pide “acción”

Aínda despois da confirmación da OTAN, corroborada polo presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, o secretario do Consello de Seguridade e Defensa Nacional de Ucraína, Oleksiy Danilov, reiterou que hai un “rastro ruso” detrás do ataque, e solicitou que se permita ás autoridades de Kíiv acceder ao lugar da explosión e participar na investigación.

Ao longo da noite, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, responsabilizou Rusia do ataque, que definiu como unha “escalada realmente significativa”, e fixo un chamamento á “acción” para pór “o terrorista no seu lugar”, mentres que o conselleiro presidencial, Mykhailo Podolyak, exixía que se decretase unha zona de exclusión aérea, o que foi rexeitado por Alemaña.

Con respecto aos ataques aéreos de Rusia na segunda feira, que provocaron unha morte e apagadas en varias rexións do país, incluída Kíiv, Zelenski sinalou que o sistema eléctrico foi restaurado na maioría dos casos, pero Moscova indica que non foi atacada Kíiv.

A maioría do G20 condena a guerra en Ucraína

A invasión rusa en Ucraína foi un dos eixos da cimeira de líderes do G20 clausurada esta cuarta feira en Indonesia, na que “a maioría dos membros condenou enerxicamente a guerra en Ucraína”, vinculándoa coas consecuencias na economía global e recoñecendo discrepancias internas no grupo, no que a metade dos membros negouse a impor sancións unilaterais a Rusia.

Ao tempo, amosáronse favorábeis a estender o corredor humanitario de gran no mar Negro, que expira o sábado, prórroga que está a negociar a ONU con Moscova, que denuncia que non se están a cumprir as cláusulas que implican acabar coas trabas ás exportacións de cereais e fertilizantes rusos.

A nivel macroeconómico, comprometéronse a alcanzar a “estabilidade de prezos” co aumento da coordinación dos axustes na política monetaria.

Comentarios