A OTAN advirte a Moldova de que é o momento de decidir entre Rusia e a UE

A mensaxe da alianza militar chega nun convulso momento para Moldova, con múltiples protestas pola alza das subministracións e polémicas reiteradas pola aposta gobernamental por achegarse á UE e á OTAN.
Mircea Geoana, vicesecretario xeral da OTAN. (Foto: Bernd von Jutrczenka / dpa)
photo_camera Mircea Geoana, vicesecretario xeral da OTAN. (Foto: Bernd von Jutrczenka / dpa)

“Respectamos o feito de que [Moldova] sexa un país neutral, a Constitución di que é un país neutral, pero para a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) non hai países indiferentes”, sostivo o vicesecretario xeral da alianza militar liderada polos Estados Unidos, Mircea Geoana, en declaracións recollidas onte polos medios 
internacionais.

Geoana insistiu en que “é hora de que Moldova decida se é Rusia ou Europa”, reiterando que “se ten a intención de continuar o seu camiño xunto á Unión Europea (UE) para formar parte dun mundo máis democrático, civilizado e próspero é hora de tomar a decisión correcta e deixar de ter medo a Rusia”. Nese sentido, sostivo que manterse na órbita de influencia rusa é apostar por manterse na “pobreza”.

Estas declaracións chegan tras unha convulsa semana en Moldova, con masivas manifestacións convocadas pola formación pro rusa Shor para pedir a dimisión da presidenta pro occidental Maia Sandu pola mala situación económica e reclamar que o Executivo asuma as facturas de gas e electricidade da poboación durante os tres 
meses de inverno.

Ademais, producíronse enfrontamentos no lexislativo pola decisión de Sandu de aprobar o cambio de nome no idioma do país, que pasa de ser o moldovo ao romanés, e pola condena á invasión rusa de Ucraína.

Malia que pouco despois da invasión rusa o país afirmou que apoiaría as sancións da UE, en xaneiro o Goberno admitiu que non foran instauradas, e recentemente o Executivo confirmou que xa está a aplicar algunhas medidas coercitivas e que porá en marcha o resto de forma progresiva. Pouco despois da invasión rusa, Moldova solicitou a adhesión á UE, e recibiu o estatuto de país candidato en xuño.

Asemade, Sandu acusou Rusia de tratar de “derrocar a orde constitucional” no país, mentres que Moscova sinalou que a presidenta está disposta a aliarse con Ucraína para atacar Transnistria, unha rexión que reclamou separarse de Moldova e con presenza de tropas rusas para garantir a paz desde 1992.

O ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Lavrov, insistiu en que “Occidente quere converter Moldova noutra anti Rusia” a través dunha presidenta “que simplemente está desexosa de entrar na OTAN, ten cidadanía romanesa e está disposta a unirse con Romanía”.

No que atinxe á guerra en Ucraína, soldados rusos e ucraínos denunciaron os seus comandantes polas carencias de material militar.

Comentarios