Tensión en Artsakh en paralelo á primeira reunión con Acerbaixán

Ilham Aliyev, o presidente azarí, proclama que Bakú "recuperou a soberanía" nun discurso televisado.
Danos en Artsakh polo ataque azarí. (Foto: Valedor do Pobo de Artsakh)
photo_camera Danos en Artsakh polo ataque azarí. (Foto: Valedor do Pobo de Artsakh)

Representantes da autoproclamada República de Artsakh e de Acerbaixán xuntáronse a quinta feira na cidade azarí de Yevlax nun encontro centrado na “reintegración” de Artsakh, de maioría armenia, no Estado acerbaixano, informou a oficina presidencial de Bakú. A xuntanza produciuse apenas un día despois de que as partes asinaran un alto o fogo mediado por Rusia para pór fin á invasión desatada polas Forzas Armadas de Acerbaixán 24 horas antes, e que deixou no territorio arredor de 200 mortes, incluídos máis de 10 civís e cinco crianzas. O pacto inclúe a disolución do Exército de Defensa de Artsakh e a fin da súa independencia, despois de que Armenia se negara a ofrecerlle axuda como fixera en ocasións anteriores.

A delegación de Artsakh solicitou combustíbel e alimentos, e os funcionarios de Bakú comprometéronse a entregar axuda humanitaria ao territorio, que se atopa nunha situación límite despois de nove meses de bloqueo azarí, que provocou que na capital de Artsakh, Stepanakert, varias persoas tiveran que acender lumes para cociñar.

Bakú anunciou que pronto se efectuará unha nova rolda de conversas. O seu presidente, Ilham Aliyev, incidiu nun discurso en que o país “recuperou a súa soberanía”, o que cualificou como unha “nova oportunidade histórica” para “unha paz duradeira” no sur do Cáucaso. Amais, nunha conversa co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, desculpouse pola morte de soldados do continxente de paz ruso na zona.

Porén, as tensións na área continúan. Autoridades de Artsakh inculparon a quinta feira Bakú de violar o alto o fogo ao disparar contra Stepanakert, reportou a axencia Interfax. Así e todo, medios especializados atribúeno á negativa a renderse dalgunhas unidades militares de Artsakh, que estarían a combater de forma illada coas tropas azarís.

Pola súa parte, Turquía, onda Israel os principais apoios de Bakú, acusou Armenia de “non cumprir os compromisos do alto o fogo” que acabou coa guerra de 2020, que iniciou un ataque azarí, o “que conduce á desestabilización da situación”.

En Iereván, a capital armenia, manifestacións masivas demandaron por terceiro día a dimisión do primeiro ministro Nikol Pashinian, ao que acusan de “traidor” por non saír na defensa de Artsakh.

Pashinian, que recoñeceu a soberanía de Bakú sobre Artsakh aínda advertindo que Acerbaixán pretendía perpetrar unha limpeza étnica, afirmou a quinta feira que “non existe unha ameaza directa á poboación civil de Artsakh”, publicou o xornal armenio Aravot.

Comentarios