Dimite o presidente de Artsakh co fin de intentar rematar co bloqueo azerí

Acerbaixán impide o acceso desde decembro a Artsakh, primeiro apoiando un grupo de manifestantes e despois instalando un punto de control militar para forzar a anexión do territorio.
Arayik Haratiunian. (Foto: Celestino Arce Lavin / Europa Press / Contacto)
photo_camera Arayik Haratiunian. (Foto: Celestino Arce Lavin / Europa Press / Contacto)

Arayik Haratiunian, presidente da autoproclamada República de Artsakh, oficializou esta sexta feira a súa renuncia ao cargo, anunciada un día antes logo de avaliala “con todos os actores internos e externos” e no apoxeo dunha crise humanitaria que provoca que até un terzo das mortes no territorio, sosteñen as autoridades locais, se deban á fame.

O mandatario, que levaba catro anos no posto, apuntou que a súa biografía dificulta a “política flexíbel” que se precisa ao respecto de Acerbaixán, cuxo Goberno apoiou en decembro grupos de persoas acerbaixanas que bloquearon o corredor de Lachin, a única vía que conecta Armenia con Artsakh, de maioría armenia e reclamado por Bacú.

En abril, o Exército de Acerbaixán instalou un posto de control militar en substitución dos manifestantes, consolidando un bloqueo que mantén 400 toneladas de axuda humanitaria ás portas de Artsakh ao tempo que se torna crónico o desabastecemento de alimentos, medicamentos ou combustíbel.

Esta situación obrigou a organización de limpeza de minas Halo Trust, a única entidade humanitaria no lugar amais do Comité Internacional da Cruz Vermella, a suspender os traballos de desminado por mor de que o persoal non é quen de soportalo após facer fila durante toda a noite para conseguir alimento para as súas familias e ter que volver sen comida, nun bloqueo que tamén afecta as persoas enfermas após denunciarse detencións de doentes nas ambulancias que se dirixían fóra de Artsakh.

Pola súa parte, o Executivo azerí reiterou que non se está a producir ningunha crise humanitaria e incidiu en que busca facerse co control do territorio, salientando que a sexta feira abrirían a ruta, algo exixido por unha orde da Corte Internacional de Xustiza para permitir “o movemento sen obstáculos de persoas, vehículos e carga” polo corredor de Lachin.

Guerra de 2020

Durante a guerra de 2020, na que tamén estivo implicada Armenia, Acerbaixán fíxose con varias zonas na contorna de Artsakh que controlaba desde 1994 Armenia, nun conflito que rematou coa mediación de Turquía e Rusia e tras o que foron despregadas tropas de Moscova para garantir a seguridade da poboación armenia. Tanto Armenia como Acerbaixán negocian o encaixe do territorio baixo o dominio de Bacú, mais sen chegar até o de agora a un acordo.

Aínda coa fin da guerra, os choques fronteirizos non cesaron, a sexta feira Iereván fixo público a morte de catro soldados nun bombardeo azerí, entre denuncias constantes de violacións dos acordos para acabar coas hostilidades.

Comentarios