O rei español elixe Feixoo como candidato á investidura no Congreso

O PP confirmou o apoio dos escanos da extrema dereita de Vox, CC e UPN

O monarca co candidato do PP, Alberto Núñez Feixoo, a terza feira. (Foto: Casa Real española)
photo_camera O monarca co candidato do PP, Alberto Núñez Feixoo, a terza feira. (Foto: Casa Real española)

O rei español, Felipe VI, designou esta terza feira, 22 de agosto, Alberto Núñez Feixoo, candidato do Partido Popular (PP), para intentar formar Goberno e presentarse a unha sesión de investidura á Presidencia do Estado, logo do remate da rolda de consultas coas formacións políticas con representación a nivel estatal, que comezaran a segunda feira, co fin de determinar que candidatura contaba con máis apoios para someterse a unha sesión de investidura, nunhas xuntanzas ás que declinaron asistir EH Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Junts e Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Tampouco estaba descartado que iniciase unha segunda rolda de consultas se consideraba que nin Feixoo nin Pedro Sánchez estaban en disposición de aglutinar a maioría parlamentaria requirida. Malia que ao líder do PP non lle dan as contas, Felipe VI desbotou abrir outra xeira e optou por Feixoo.

Tras o paso a segunda feira pola Zarzuela de Coalición Canaria (CC), Unión del Pueblo Navarro (UPN), o Partido Nacionalista Vasco (PNV) e Sumar, esta terza foi a quenda de Vox, PSOE e PP.

Malia que CC (sen descartar un futuro apoio a Sánchez), UPN e Vox (con condicións) trasladaron que apoiarán o candidato conservador nunha hipotética investidura, Feixoo só alcanzaría 172 asentos, a catro da maioría absoluta. Ademais, o PNV, que conta cos cinco escanos que lle permitirían ao PP lograr a Presidencia, fechou a porta en repetidas ocasións a esta posibilidade, facendo fincapé en que non estará nunha maioría parlamentaria na que se precise á ultraespañolista Vox.

Así e todo, a formación vasca transmitiu a Felipe VI que o PSOE tampouco tiña asegurados os seus apoios, remitindo a unha negociación que aínda non comezara. De feito, o seu voceiro no Congreso, Aitor Esteban, confirmou que a terza feira recibiron a primeira chamada da forza estatal para comezar as conversas de cara á investidura.

Sánchez afirmou que comunicou ao monarca a súa disposición “a asumir a responsabilidade e a lograr a investidura”, apuntando que alcanzará os apoios que precisa, por parte dos partidos nacionalistas, aínda que non os teña polo de agora. Puxo como exemplo a elección da Mesa do Congreso a pasada semana, na que resultou designada como presidenta da Cámara Baixa Francina Armengol, do PSOE, como unha mostra da súa capacidade de xuntar os votos necesarios. A propia Armengol será a encargada de fixar a data da sesión de  investidura de Feixoo após contactalo para coñecer a súa opinión.

Felipe VI e Pedro Sánchez, esta terza feira. (Foto: Europa Press)
Felipe VI e Pedro Sánchez, esta terza feira. (Foto: Europa Press)

O certo é que, segundo medios estatais, o Executivo en funcións xa consideraba “o máis probábel” que Feixoo fose o elixido en primeira instancia para someterse á investidura por parte do xefe de Estado español, tendo en conta que entre o PSOE e Sumar, os únicos apoios garantidos até o de agora para Sánchez, apenas suman 152 asentos.

A isto referiuse o propio mandatario en funcións, que recalcou que a de Feixoo sería “unha investidura falida” e un “trámite de exhibición”, asegurando que “non hai outra alternativa que reeditar un Goberno de progreso que consolide os avances” e facendo énfase en que as “contorsións [de Feixoo] para optar a unha investidura son perfectamente lexítimas, pero serán inútiles”.

Após a súa reunión con Felipe VI, a última da rolda de consultas como cabeza da formación máis votada, Feixoo insistiu nesta condición como un aval para o seu nomeamento, reiterando que teñen o apoio de tres formacións, ás que agradeceu o compromiso.

O primeiro intento de investidura de calquera candidato no caso de non ter éxito supón o arranque da conta atrás en dirección a unha repetición das eleccións estatais. Dous meses é o tempo fixado polas leis españolas para formar Goberno desde ese punto antes de que fiquen convocados novos comicios. Se a primeira votación neste sentido decorre entre o 8 e o 21 de setembro, as votacións coincidirían coa celebración do Nadal.

Na primeira tentativa de investidura, o candidato debe conseguir no mínimo o apoio da maioría absoluta do Congreso para ser nomeado presidente, entrementres, nos seguintes intentos só require de máis votos a favor que en contra.

Amnistía aos independentistas cataláns

No que atinxe á amnistía das persoas independentistas catalás perseguidas pola Xustiza española pola organización do referendo de independencia en 2017, que ERC e Junts cifran en 4.000, Sánchez, que negara esta posibilidade en distintas ocasións, aceptou que “o diálogo é o método e a Constitución é o marco”, en tanto o seu previsíbel socio nunha coalición gobernamental, Sumar, anunciou a creación dun equipo de traballo cunha vintena de xuristas para analizar como encaixar a amnistía no marco constitucional español.

Este punto, que xa se tratou nun primeiro debate nas negociacións para a Mesa do Congreso, perfílase como o aspecto chave para que Sánchez obteña o apoio á súa investidura por parte de Junts e de ERC.

En paralelo, para PNV e EH Bildu un dos eixos clave das negociacións será o modelo territorial do Estado, algo que cualifican como determinante valorando que, tanto nos anteriores Gobernos encabezados por Sánchez como no que pretende constituír na actualidade, as forzas nacionalistas foron e son imprescindíbeis para conformar unha maioría parlamentaria viábel no Congreso do Estado español.

O BNG exixe aplicar a axenda galega para apoiar Sánchez

O BNG “non dará un cheque en branco a ninguén”, volveu salientar a terza feira o deputado da formación no Congreso, Néstor Rego, nun comunicado que recolle que para obter o seu apoio na investidura, PSOE e Sumar terán que comprometerse con medidas “que contribúan para mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas”.

Rego detallou que reclaman maior investimento en infraestruturas e servizos, políticas sociais para as maiorías, atención á crise industrial co fomento do emprego e avances no autogoberno, así como “camiñar cara a un novo modelo de financiamento, que acabe co espolio fiscal do noso país”. Á vez, puxo o foco en que a “presenza do BNG é a garantía de que o noso país non fique atrás” nunha lexislatura na que “a cuestión nacional estará sobre a mesa”. 

Debate sobre a lingua nos Països Catalans

Por outra parte, usar o termo ‘catalán-valenciano’ pode reabrir vellas feridas con lecturas tendenciosas e interesadas, pois a “lingua é unha soa, coas súas diversas variedades”, resolveu Teresa Cabré, presidenta do Institut d’Estudis Catalans, despois de que o PSOE no País Valencià se unira á reclamación do PP e Vox de utilizar esa denominación no Congreso español.

Comentarios