Besteiro cre que a presidencia de Armengol no Congreso "abre o camiño" a un novo Goberno de Sánchez

O deputado considera que un Goberno do PSOE “beneficia especialmente” á Galiza

Pose, Taboadela, Regades, Gómez e Martín, onte no Congreso español. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pose, Taboadela, Regades, Gómez e Martín, onte no Congreso español. (Foto: Nós Diario)

O deputado do PSdeG-PSOE no Congreso español, José Ramón Gómez Besteiro, considera que a obtención da presidencia da Cámara Baixa por parte da socialista Francina Armengol "abre o camiño" a unha nova investidura do actual xefe do Goberno estatal en funcións, Pedro Sánchez, que "beneficia especialmente” á Galiza.

En declaracións remitidas aos medios, o que foi líder do PSdeG e delegado do Goberno español na Galiza ve na elección de Armengol con maioría absoluta "un bo sinal" e "unha boa noticia" para esa investidura.

O agora deputado socialista por Lugo celebra a "estabilidade parlamentaria" conseguida esta quinta feira para a constitución da Mesa do Congreso e espera que se repita para que Sánchez poida "continuar no proxecto iniciado hai catro anos".

Neste sentido, Besteiro encomia a "execución orzamentaria" do Estado español na Galiza, o "semestre europeo tan importante" e a continuación "en materia de reindustrialización, de aplicación de fondos europeos, de investimentos importantes nas diferentes infraestruturas".

Ademais, sinala como o Goberno de Pedro Sánchez será "capaz de afrontar un dos maiores retos" que ten a Galiza: o demográfico.

"Por tanto, creo que son unhas boas noticias esta primeira xornada onde se elixiu a mesa e onde se marca un pouco o que vai ser o sentido destes próximos meses", conclúe Besteiro.

 

Comentarios