O PNV anuncia que nin Sánchez nin Feixoo teñen os seus votos asegurados para a investidura

Sobre investir Pedro Sánchez, Aitor Esteban lembrou que non tiveron nin unha soa reunión e insistiu en que, quen pretende ser investido, é o que ten que "facer movementos".
Aitor Esteban e Andoni Ortuzar, nun acto de campaña. (Foto: H.Bilbao / Europa Press)
photo_camera Aitor Esteban e Andoni Ortuzar, nun acto de campaña. (Foto: H.Bilbao / Europa Press)

O portavoz do PNV no Congreso dos Deputados, Aitor Esteban, transmitiu ao rei Felipe VI que nin o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, nin o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, teñen o voto do seu partido asegurado para seren presidentes do Goberno.

Nunha entrevista concedida a Radio Euskadi, Esteban referiuse ao encontro que mantivo co monarca onte pola tarde na rolda de consultas, e sinalou que el non solicitou nada a Felipe VI sobre o proceso de investidura. "Que faga o que considere oportuno", indicou.

En todo caso, si lle trasladou a posición do PNV, e lembrou que deixaron "claro desde o principio que a vía Feixoo" non a apoiarán "porque se necesita a axuda de Vox".

"Manifestamos unha e outra vez que nas combinacións en que entrase Vox, nós non iamos participar, a pesar de que algúns estiveron a vender durante toda a campaña, refírome a Bildu, que o PNV tiña un acordo co PP e Vox", criticou.

Posíbel investidura de Pedro Sánchez

En canto á vía para investir Pedro Sánchez, lembrou que non tiveron nin unha soa reunión e insistiu en que, quen pretende ser investido, é o que ten que "facer movementos". "Entón, a partir de aí, empezaremos a falar", manifestou.

Comentarios