ERC e Junts non apoiarán Sánchez sen unha regulación da amnistía

Catro forzas soberanistas rexeitan reunirse co rei na rolda de consultas que decorrerá a comezos da vindeira semana.
Pedro Sánchez. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A promulgación dunha lei de amnistía para as e os independentistas cataláns axuizados, exiliados ou perseguidos xudicialmente pola organización dun referendo de independencia en 2017 é “unha liña vermella” para que Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) vote a favor da investidura de Pedro Sánchez (PSOE), asegurou a sexta feira Teresa Jordà, deputada da formación no Congreso.

Jordà indicou que reclaman non só que o PSOE “a deixe tramitar”, algo que “até o de agora non pasou”, senón “que ademais a tire adiante”, apuntando que a constitución dunha Mesa do Congreso favorábel a esta opción era “extremadamente necesaria”, 24 horas despois de que os acordos das forzas soberanistas co partido estatal permitiran que Francina Armengol, do PSOE, se convertera en presidenta da Cámara Baixa.

Ao respecto, Isidre Gavín, deputado de Junts, salientou que “non teñen unha decisión tomada” sobre a investidura de Sánchez, e remarcou que “puxemos enriba da mesa durante a campaña e tamén agora toda unha serie de temas que para nós son importantísimos, que remate a represión e a amnistía”.

Asemade, sostivo que o candidato que precise os seus votos terá que “dialogar cos nosos representantes, empezando polo presidente [Carles] Puigdemont”.

Rolda de consulta

Armengol entrevistouse con Felipe VI, ao que transmitiu que só sete forzas políticas participarán na rolda de consultas co monarca, que ten que decidir se nomea Sánchez ou o líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, como candidato á investidura, após a insistencia dos conservadores en presentarse aínda carecendo dos apoios necesarios. ERC, Junts, EH Bildu e o Bloque Nacionalista Galego rexeitaron reunirse co rei.

O resto de formacións acudirán a segunda e terza feira ao palacio da Zarzuela, nunhas consultas que rematarán co PP. Unha vez finalizadas, Felipe VI pode comunicar a Armengol a súa proposta de candidato para que intente formar Goberno ou impulsar unha nova rolda.

Entrementres, no seo do PP aumentan as voces que solicitan a Feixoo que abandone a “ficción” de que conta con apoios dabondo para someterse a unha investidura, recollen medios estatais, especialmente despois de que na votación para a Mesa do Congreso Vox apoiara os seus propios candidatos e non aos do PP, logo de confirmar os conservadores que non votarían a favor da presenza da forza ultraespañolista no órgano unha vez desvelado que Armengol contaba cos votos requiridos.

Comentarios