Alejo Vidal-Quadras, fundador de Vox, hospitalizado após recibir un disparo na cabeza en plena rúa

Foi trasladado inmediatamente a un hospital de Madrid.
Os sanitarios atendendo Alejo Vidal-Quadras. (Foto: SAMUR)
photo_camera Os sanitarios atendendo Alejo Vidal-Quadras após rtcibir o disparo. (Foto: SAMUR).

O político Alejo Vidal-Quadras, dirixente do Partido Popular durante tres décadas e fundador da formación de extrema dereita Vox en 2014, foi hospitalizado hai escasos minutos, pouco antes das 14 horas, após recibir un disparo na cara en plena rúa Núñez de Balboa, no Barrio de Salamanca de Madrid. 

A investigación do disparo apunta que o autor é un home que, tras detonar a súa arma, fuxiu do lugar montándose nunha moto conducida por outra persoa, da que se sospeita que é unha muller cuberta cun casco. En todo caso, as pescudas céntranse en determinar a súa identidade. Barállase como hipótese que o ataque se produciu co intento de roubo de reloxos por parte dunha banda especializada.

Horas despois do ataque, a Policía achou nun escampado de Fuenlabrada, unha cidade da periferia de Madrid, unha moto queimada de similares características á empregada polos agresores. Non obstante, a policía aínda non confirmou de momento se se trata do mesmo vehículo.

Do suceso informou o servizo de emerxencias do Samur de Madrid, falando dun home de 78 anos de idade que posteriormente a prensa local identificou como Vidal-Quadras. Foi trasladado inmediatamente a un hospital, no que se atopa estábel dentro da gravidade. A Policía acordoou a zona e xa está a investigar o sucedido.

A supervisora de garda do servizo de emerxencias madrileño, Mariluz Sabín, explicou que os sanitarios, ao acudir a atender ao ferido, comprobaron que Vidal-Quadras presentaba unha ferida de bala na rexión facial, con entrada en principio polo ángulo mandibular dereito e saída polo esquerdo.

O disparo na cara a Vidal-Quadras aconteceu exactamente a á altura do número 40 da madrileña rúa Núñez de Balboa, segundo informaron fontes policiais. Por outra parte, o fundador de Vox estaba consciente cando foi trasladado a un hospital de Madrid, segundo informaron fontes de Emerxencias Madrid. A Policía estatal está a investigar as causas do suceso, mentres que a municipal mantén acordoada a zona onde tiveron lugar os feitos.

Unha hora antes do suceso, o propio Vidal-Quadras publicaba na rede social X (antes coñecida como Twitter) un comentario contra o contido do acordo selado en Bruxelas polo PSOE e Junts que achanda a investidura do presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez.

"Xa se acordou o infame pacto entre Sánchez e Puigdemont que tritura en España o Estado de Dereito e acaba coa separación de poderes. A nosa Nación deixará así de ser unha democracia liberal para converterse nunha tiranía totalitaria. Os españois non o permitiremos", escribiu.

Vidal-Quadras foi presidente do PP en Catalunya desde 1991 a 1996 e foi apartado pola dirección do partido tras o Pacto do Majestic con CiU. O seu destino entón foi o Parlamento Europeo, onde foi elexido parlamentario no período comprendido entre 1999 e 2014, chegando a ser vicepresidente da Eurocámara.

Con todo, en xaneiro 2014 anunciou que deixaba de militar no PP, dado que mantiña unha postura crítica co ex presidente do partido, Mariano Raxoi, e pasou a enrolarse en Vox, onde ostentou a presidencia provisional e foi cabeza de lista ás eleccións europeas dese ano, sen obter representación. En 2015 tamén se deu de baixa da formación dirixida por Santiago Abascal.

Comentarios