Néstor Rego, voceiro do BNG no Congreso: "O nacionalismo galego vai ser determinante nesta lexislatura en Madrid"

Néstor Rego repite como voceiro do BNG no Congreso dos Deputados. Aproveitando o comezo dunha nova lexislatura, Nós Diario abre con esta entrevista unha serie de conversas con parlamentarias e parlamentarios galegos dos distintos partidos políticos para analizar a situación tras a constitución da Mesa das Cortes.
O deputado do BNG Néstor Rego. (Foto: Arxina)
photo_camera O deputado do BNG Néstor Rego. (Foto: Arxina)

—Que valoración fai do proceso de constitución da Mesa do Congreso e que conclusións se poden tirar de cara á investidura do novo presidente do Goberno do Estado?

En primeiro lugar, o proceso de constitución da Mesa do Congreso certificou a incapacidade Partido Popular e de Alberto Núñez Feixoo de conseguir apoios, o que lle fecha a posibilidade de saír investido.

En segundo lugar, é positivo que a Mesa da Cámara, pola importancia que ten para organizar a actividade parlamentaria, non quede baixo o control das forzas da dereita e da extrema dereita.

En terceiro lugar, existe o compromiso do PSOE, na liña do que lle demandamos nas reunións previas á constitución da Mesa, de ser respectuoso coa pluralidade do Congreso dos Deputados. Neste sentido, é unha boa iniciativa oficializar o uso do galego no Congreso, algo que tamén lle solicitamos ao PSOE na negociación da Mesa e polo que pelexamos moito na pasada lexislatura. Trátase, en definitiva, dun paso na boa dirección, aínda que sexa un paso simbólico, porque vén recoñecer o problema nacional do Estado e a súa realidade plurinacional e plurilingüe. 

—A correlación de forzas derivada das eleccións de 23 de xullo sitúa as organizacións nacionalistas, entre elas o BNG, como decisivas para esta lexislatura. Que cuestións considera chaves o BNG para apoiar unha presidencia de Pedro Sánchez?

Nós estamos centrados agora  nun acordo de investidura que permita avanzar na axenda galega. Unha axenda conformada por medidas claras e concretas, cun calendario de execución ben definido e mecanismos que permitan verificar o seu cumprimento. Neste sentido, entendemos que o mellor mecanismo de verificación é que o noso voto vai ser necesario na gran maioría dos temas que se traten no Congreso, sexa na validación de determinados proxectos como na aprobación de orzamentos.

Avanzar, por tanto, na axenda galega implica aumentar o investimento anual do Estado na Galiza no horizonte de 2.000 millóns de euros, algo que non aconteceu nas últimas lexislaturas, pero que si se deu durante algunhas das anualidades do Goberno de Zapatero, cando o voto do BNG foi decisivo. 

Pensamos que este investimento resulta chave para pór en marcha novas dotacións e equipamentos, para rematar co déficit en materia de infraestruturas e para dar un impulso á rede ferroviaria galega, mediante a articulación da rede interna e a aposta polas proximidades ferroviarias. 
Outro paquete de medidas está dirixido á activación económica da Galiza, revertendo a crise industrial que destruíu máis de 40.000 empregos nos últimos 15 anos, apostando por unha transición enerxética xusta e parando o espolio eólico. Neste sentido, desbotamos a eólica mariña e defendemos minimizar os efectos da eólica terrestre, para que Galiza non se converta en zona de sacrificio enerxético. 

—Un dos temas que semella que marcará esta lexislatura é a aprobación do novo sistema de financiamento. Que proposta vai defender o BNG en relación co mesmo?

A nosa proposta é clara. Apostamos por camiñar cara a un modelo de concerto, onde se lle recoñeza a Galiza a capacidade de recadar todos os impostos e definir as súas políticas fiscais. Nós estamos sufrindo un espolio fiscal, porque o Estado queda cada anualidade cunha parte moi importante do recado na Galiza. Ademais, sufrimos o "efecto sede", é dicir a tendencia que leva as empresas a fixar o seu enderezo fiscal na capital do Estado, polo que esiximos que as empresas con actividade na Galiza tributen no país.

—Durante estas semanas mantivo diversos reunións cos responsábeis do PSOE para negociar a constitución da Mesa do Congreso. Cal está sendo a actitude dos socialistas ante as demandas do BNG?

O PSOE foi receptivo ás propostas do BNG en todos os contactos que mantivemos con carácter previo á constitución da Mesa do Congreso. Nesta liña, asumiu propostas que lle formulamos a respecto da necesaria pluralidade na Cámara ou en relación co uso do galego.

Eu teño claro que o PSOE só avanza en relación a Galiza cando se lle obriga a avanzar. Todo o que se avanzou en anos pasados foi resultado do empuxe do BNG e todo o que se vai avanzar no futuro dependerá, tamén, do BNG. Evidentemente, os números están moi axustados no Congreso, polo que o BNG vai ser determinante en moitas votacións. 


A cuestión nacional no centro do debate

O peso decisivo do nacionalismo no Congreso abre novas perspectivas para o tratamento da cuestión nacional. Porén, Néstor Rego amósase convencido de que “o PSOE non vai impulsar mudanzas estruturais nesta materia porque é un piar central do réxime do 78, por iso hai que forzalo para que haxa cambios”. Rego entende que “nestes próximos catro anos débense asumir as competencias pendentes para o país, particularmente aquelas recollidas como propias e que seguen sen transferir” e “avanzar cara a un status de nación para Galiza, que pasa por un cambio de Goberno no país”.

O deputado nacionalista alerta sobre a "posibilidade de fixar un marco competencial para Galiza diferente do de Catalunya e Euskadi". Unha fórmula que, na súa opinión, podería ser unha tentación dun posíbel Goberno formado entre PSOE e Sumar.

Comentarios