Rego lembra que Sánchez cumpriu "parcialmente" o acordo co BNG de 2020 e insiste: "Non daremos un cheque en branco"

Desde a formación nacionalista galega apostan por estabelecer posicións concretas, definidas baixo un calendario e uns criterios de verificación, debido a que "non están dispostos" a que o Goberno estatal "non cumpra", non só co BNG, senón coa Galiza.
O portavoz do BNG do Congreso, Néstor Rego (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Néstor Rego na rolda de prensa desta quinta feira (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

O deputado electo polo BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, lembrou ao PSOE que os acordos alcanzados para garantir o apoio á investidura de Pedro Sánchez hai catro anos só se cumpriron "parcialmente" e remarcou que nesta nova ocasión "non están dispostos a que o Goberno español non cumpra" e non darán un "cheque en branco".

Así se pronunciou este xoves ante os medios de comunicación no Congreso dos Deputados. Rego remarcou a disposición do BNG de falar cos socialistas para facer posible a reedición do Goberno de coalición pero -advertiu- non darán un "cheque en branco a ninguén".

"Hai catro anos apoiamos a investidura de Sánchez, estamos en disposición de falar para que isto sexa así de novo, pero é evidente que isto ten que ser a cambio de que haxa vontade explícita de cumprir eses compromisos", sinalou.

Desde a formación nacionalista galega apostan por estabelecer posicións concretas, definidas baixo un calendario e uns criterios de verificación, debido a que "non están dispostos" a que o Goberno estatal "non cumpra", non só co BNG, senón coa Galiza.

A Mesa do Congreso

Segundo explicou Rego, esta quinta feira manterá unha primeira reunión presencial entre o PSOE e a súa formación, xa que até o de agora, os contactos foran de maneira telefónica. Asegurou que este encontro está enfocado especialmente na constitución da Mesa do Congreso porque os socialistas "pretenden facer o proceso por pasos".

No que respecta a dita Mesa, Rego remarcou que esta ten que "reflectir a pluralidade política" e aínda que non entra en valorar quen debe presidila, si que cre que no contexto actual os nacionalismos teñen un peso "decisivo", algo que vai obrigar" a dar pasos cara ao seu recoñecemento".

Unha vez concluídas as negociacións sobre a Mesa do Congreso entrarán "máis directamente" nos posíbeis acordos para a investidura, conversacións que esperan que sexan "frutíferas", xa que unha repetición electoral ao seu xuízo "non sería bo" para a sociedade.

Comentarios