Mustafa releva Shtayyeh á fronte da Autoridade Nacional Palestina

Israel volve disparar contra solicitantes de axuda
Rezo masivo nas ruínas de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Rezo masivo nas ruínas de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Tras varios días de especulacións, o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmoud Abbas, nomeou a quinta feira Mohammad Mustafa como novo primeiro ministro en substitución de Mohammad Shtayyeh, que dimitiu conxuntamente co resto do Gabinete en febreiro.

Mustafa xa foi viceprimeiro ministro en 2013 e 2014 e desempeñábase como presidente do Fondo de Investimento Palestino e membro do Comité Executivo da Organización para a Liberación de Palestina (OLP). O economista faise cargo dun Executivo ao cargo de Cisxordania, e que se prevé de carácter tecnocrático.

Hai dúas semanas, as organizacións palestinas reuníronse en Moscova, a capital rusa, para pactar unha folla de ruta ao respecto da situación palestina e do novo Goberno.

En paralelo, os bombardeos indiscriminados contra civís e o intento de invasión israelí de Gaza proseguen. Os militares sionistas volveron disparar contra persoas palestinas que agardaban axuda humanitaria no norte de Gaza, matando seis persoas, horas despois de atacar un centro de distribución de axuda da Organización das Nacións Unidas (ONU). Outras 17 morreron no bombardeo dun almacén no campo de refuxiados de Nuseirat e dunha casa no de Bureij.

Incluso a Unión Europea, canda os Estados Unidos un dos principais aliados e provedor de armas sionistas, admitiu que a fame masiva xa está instalada en Gaza.

No mínimo unha vintena de persoas, a meirande parte crianzas, faleceron de inanición. Israel asasinou desde outubro máis de 31.000 persoas no enclave, no que persoas expertas da ONU cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

A chegada da festividade musulmá do ramadán tamén incrementou a represión do réxime de apartheid sionista en Cisxordania. Alí, o Goberno de ultradereita israelí está a premer a familia de Rami Hamdan al-Halhuli, unha crianza de 13 anos que asasinaron a tiros as súas tropas esta semana cando xogaba en Xerusalén Oriental, para que expulse as numerosas persoas que se achegaron á súa casa para sumarse ao loito. En caso contrario, non entregarán o seu corpo.

Entre os varios e masivos crimes de guerra e contra a humanidade cometidos por Israel contra a poboación palestina, é habitual que se neguen a entregar os corpos de persoas que asasina, tanto para evitar chamar a atención como para exercer un castigo colectivo. Os corpos de arredor de 65 das 433 persoas asasinadas por Israel en Cisxordania desde outubro seguen retidos.

Comentarios