Morre o militar dos EUA que se inmolou como denuncia polo xenocidio en Gaza

Dimite o Executivo da Autoridade Palestina.
Edificio destruído en Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)
photo_camera Edificio destruído en Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)

O Departamento de Policía Metropolitana de Washington D.C., a capital estadounidense, confirmou hoxe o falecemento de Aaron Bushnell, natural de Texas e militar da Forza Aérea dos Estados Unidos, por mor das feridas que padeceu o domingo, cando se inmolou fronte á embaixada de Israel na cidade.

“Xa non serei cómplice do xenocidio, estou a punto de participar nun acto de protesta extremo, mais, comparado co que a xente estivo a experimentar en Palestina a mans dos seus colonizadores, non é nada extremo”, proclamou antes de prenderse lume, engadindo que “isto é o que a nosa clase dominante decidiu que sexa normal”.

Namentres, no territorio palestino de Gaza, que sofre a agresión militar israelí, as autoridades do enclave sinalaron que no mínimo sete crianzas, entre elas un bebé de dous meses, morreron de fame entre a falta de subministracións causada polo bloqueo sionista á entrada de axuda humanitaria, que podería matar máis dun millón de crianzas palestinas na Faixa, advertiu Save the Children.

Isto “é un desastre provocado polo home”, insistiu Philippe Lazzarini, que encabeza a Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos, en alusión á “fame masiva inminente” no territorio, ratificando que desde o 23 de xaneiro non puideron remitir alimentos ao norte de Gaza.

Ademais, reportouse un ataque das tropas sionistas a persoas que agardaban axuda humanitaria en Gaza, após atacar múltiples convois de axuda aducindo que os axentes policiais de Gaza que os custodian son membros de Hamás.

En paralelo, os bombardeos indiscriminados de Israel contra a poboación civil palestina continuaron na cidade de Gaza, Khan Younis e Rafah. 29.782 persoas foron asasinadas polos sionistas na Faixa desde outubro.

Dimisión do Goberno palestino

Mohammad Shtayyeh, primeiro ministro do Executivo da Autoridade Nacional Palestina, que controla Cisxordania, presentou hoxe a súa dimisión e a do Gabinete ao presidente Mahmoud Abbas, xustificándoa na situación que afronta o pobo palestino ante o xenocidio, canda outros crimes, que está a perpetrar Israel.

A dimisión prodúcese cando arredor de 90% da poboación palestina demanda a renuncia de Abbas, e tras abrirse a porta nas conversas entre grupos palestinos posteriores ao comezo da agresión militar israelí a unha unificación do movemento de liberación nacional.

Comentarios