Qatar traslada que o alto o fogo en Gaza aínda está moi lonxe

Os EUA desbotan que se poida eliminar Hamás
Palestinas asasinadas en Gaza, a terza feira. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Palestinas asasinadas en Gaza, a terza feira. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhoto)

O voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores de Qatar, Majed al Ansari, admitiu a terza feira que “non estamos perto dun acordo, o que significa que non vemos que ambas as partes converxan nunha linguaxe que poida resolver o actual desacordo sobre a implementación dun acordo”, en relación ás negociacións entre a organización palestina Hamás, que goberna Gaza, e o Executivo ultradereitista de Israel para un alto o fogo que inclúa un intercambio de persoas presas.

Ansari apuntou que “aínda somos optimistas” a pesar dunha situación “moi complicada”, entrementres, o Estado sionista rexeita aceptar un cesamento de hostilidades permanente, como exixe Gaza perante a agresión militar israelí, que xa asasinou máis de 31.000 persoas desde outubro e está considerada por persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) como unha limpeza étnica e un xenocidio.

No que atinxe a unha hipotética tregua, William Burns, director da Axencia Central de Intelixencia (CIA) dos Estados Unidos, o principal aliado e provedor de armas sionista, sinalou que a posibilidade dun pacto segue aberta, incidindo en que “o único que creo que se pode garantir é que as alternativas son peores”.

Os Estados Unidos e a Unión Europea impulsaron un corredor marítimo desde Chipre para levar axuda humanitaria a Gaza por mor do bloqueo israelí á súa entrada, o que levou o enclave ás portas dunha fame masiva, con crianzas morrendo por inanición, e que foi inaugurado onte polo buque Open Arms.

Con todo, “non existe un substituto significativo das numerosas rutas terrestres” bloqueadas por Israel, afirmaron Sigrid Kaag e Jorge Moreira, coordinadora de Asuntos Humanitarios e Reconstrución de Gaza da ONU e director executivo da Oficina de Servizos para Proxectos da ONU respectivamente.

“Semella ser simplemente outro esforzo para desviar a atención do verdadeiro problema”, denunciou Mustafa Barghouti, secretario xeral da Iniciativa Nacional Palestina.

A eliminación de Hamás

Washington “nunca abandonará Israel”, incidiu o presidente Joe Biden, que criticou o primeiro ministro sionista, Benjamin Netanyahu, por “prexudicar” máis que axudar o Estado israelí.

Sexa como for, un informe da Intelixencia estadounidense volveu desbotar a posibilidade de eliminar Hamás, un dos obxectivos de Israel, e resolveu que “enfrontará unha resistencia armada persistente de Hamás nos próximos anos”.

Comentarios