crónica

O futuro da Arxentina, no ar: Massa e Milei pasan a unha axustada segunda volta

19 de novembro decidirase quen é o novo presidente arxentino.
Sergio Massa, na madrugada do domingo á segunda feira. (Foto: Franco Dergarabedian / DPA)
photo_camera Sergio Massa, na madrugada do domingo á segunda feira. (Foto: Franco Dergarabedian / DPA)

O reconto na madrugada do domingo á segunda feira da primeira volta das eleccións presidenciais na Arxentina do domingo, que se desenvolveu en paralelo aos comicios parciais no lexislativo, outorgou a primeira praza ao progresista Sergio Massa, da Unión pola Patria e actual ministro de Economía, con 37% dos votos.

A pesar de que a inmensa maioría das enquisas auguraban que Javier Milei, da extrema dereita da Liberdade Avanza, sería o gañador, finalmente ocupou a segunda posición con 30% dos apoios, polo que se enfrontará a Massa nunha segunda volta o 19 de novembro.

Pola súa parte, a conservadora Patricia Bullrich, de Xuntos polo Cambio, quedou con 24% dos sufraxios, mentres que a centrista Facemos polo Noso País, encabezada por Juan Schiaretti, recibiu case 7% das papeletas, e Myriam Bregman, da Fronte de Esquerda, estivo perto de lograr 3%. En comparación coas primarias a nivel nacional, Massa gañou até nove puntos, Milei mantívose e Bullrich caeu cinco puntos porcentuais.

Massa comprometeuse durante o escrutinio a conformar un Goberno de unidade nacional, recalcando que “sei que moitos dos que nos votaron son os que máis están a sufrir. Non lles vou fallar”. O presidente, Alberto Fernández, celebrou o resultado ratificando que “o pobo arxentino apostou por defender o traballo, a educación, a saúde e os seus dereitos".

Entrementres, Milei fixo un chamamento a “todos os sectores que queiran sacar o kirchnerismo”, en referencia ao ex presidente Néstor Kirchner e á ex presidenta Cristina Fernández de Kirchner, ambos os dous progresistas.

Aínda que Bullrich deixou entrever ao aceptar a derrota que apoiaría Milei, persoas expertas consultadas polo semanario Perfil desbotaron que se produza un apoio automático dos seus votantes, facendo fincapé en que terá moita influencia a evolución das conversas entre os conservadores e a 
extrema dereita
.

Dereita e extrema dereita gañan a Cámara Baixa

Sobre os comicios á Cámara de Deputados, Unión pola Patria será o grupo máis numeroso, con 104 asentos, mais os 93 de Xuntos polo Cambio e os 39 da Liberdade Avanza permitiranlles controlar a Cámara Baixa.

Xa no Senado, o repartimento de actas será semellante, mais non haberá maioría para ningún dos bloques, polo que todo dependerá das negociacións con forzas provinciais, así como con senadoras e senadores independentes.

Comentarios