A Arxentina vota na primeira volta das eleccións presidenciais: a extrema dereita, con opcións de gobernar

A inmensa maioría das sondaxes realizadas no último mes prevén unha segunda volta entre Javier Milei (A Liberdade Avanza) e Sergio Massa (Unión pola Patria).
Javier Milei, Sergio Massa e Patricia Bullrich. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Javier Milei, Sergio Massa e Patricia Bullrich. (Fotos: Europa Press)

Nunha fábrica en Pilar, no norte da provincia arxentina de Bos Aires, fechou na madrugada da quinta á sexta feira a súa campaña o progresista Sergio Massa, ministro de Economía e candidato de Unión pola Patria nas eleccións presidenciais que decorrerán o domingo.

Massa fixo un chamamento a “buscar a nosa bandeira” para desenvolver un “novo pacto federal” que acabe coa fenda salarial das mulleres, que “cobran 23% menos” que os homes, así como para “promover o traballo e axudar aqueles que están na economía popular e o traballo informal porque o Estado os abandonou”.

Enfronte terá a extrema dereita de Javier Milei (A Liberdade Avanza) e a conservadora Patricia Bullrich (Xuntos polo Cambio), as outras dúas persoas que contan con posibilidades de avanzar a unha segunda volta que decorrería o 19 de novembro no caso de que ningunha candidatura alcance 45% dos sufraxios ou 40% con máis de 10 puntos de diferenza co segundo posto.

Milei defende amplos recortes ao gasto público, dolarizar a economía e acabar co Banco Central, ao que se suma a prohibición do aborto ou a liberalización da venda de órganos. Desde a súa contorna tamén se propuxo privatizar o mar ou que os homes poidan renunciar á paternidade.

Pola súa parte, Bullrich, que pasou por case todo o espectro ideolóxico arxentino antes de ser ministra de Seguridade no mandato do conservador Mauricio Macri, fixo énfase na creación de novos cárceres de alta seguridade e en reducir a idade legal para ser imputado. Asemade, insistiu na necesidade de limitar o papel de sindicatos e movementos sociais, amais de diluír a presenza do Estado na economía.

Tanto Milei como Bullrich subliñaron que de gobernar non aceptarán o ingreso da Arxentina no grupo Brics, do que Massa se gaba. A inmensa maioría das sondaxes realizadas no último mes prevén unha segunda volta entre Milei e Massa. Os últimos traballos demoscópicos publicados apuntan cara a unha vitoria de Milei, que obtería entre 30% e 34% dos votos, mentres que Massa ficaría entre 29% e 32% dos apoios. En última instancia, Bullrich faríase con entre 22% e 27% dos sufraxios.

En paralelo aos comicios presidenciais tamén se producirá unha elección parcial do lexislativo. Na Cámara Baixa serán 130 dos 257 asentos os que se renoven nun período que abarcará até 2027, ao tempo que no Senado elixiranse 24 dos 72 membros, cuxo mandato finalizará en 2029.

Comentarios