O ultradereitista Javier Milei vence nas primarias e axita o taboleiro político arxentino

Milei, contrario ao aborto e autodefinido libertario e anarcocapitalista, asinou o triunfo dunha noite na que a suma dos candidatos da Unión pola Patria, a lista impulsada polo Goberno de Alberto Fernández, foi relegada á terceira posición, por detrás tamén dos 'macristas' de Xuntos polo Cambio. A cidadanía da Arxentina está chamada de novo ás urnas o domingo 22 de outubro para decidir o rumbo que adoptará o país nos próximos catro anos.
Javier Milei e os integrantes da súa candidatura, celebrando os resultados esta pasada noite. (Foto: NQ)
photo_camera Javier Milei e os integrantes da súa candidatura, celebrando os resultados esta pasada noite. (Foto: NQ)

As eleccións primarias na Arxentina, as PASO —primarias, abertas, simultáneas e obrigatorias nas que a cidadanía, con independencia da súa afiliación política, designa os candidatos e candidatas ás presidenciais do vindeiro 22 de outubro—, deixaron este domingo como gran gañador o ultradereitista Javier Milei, que obtivo 30,1% dos sufraxios totais e, polo tanto, será o 'presidenciábel' de A Liberdade Avanza. Gañou en 16 de 23 provincias e logrou imporse "tanto nos barrios populares como nas vilas prósperas da Arxentina produtiva", salienta o xornal La Nación, que fai énfase no "sorprendente" triunfo de Milei, que provoca un "terremoto político" no país, unha idea que comparten as principais cabeceiras.

Foron unhas primarias marcadas pola abstención derivada da crispación política que atravesa Arxentina, con 30% do electorado ausente, seis puntos máis que en 2019 e a cifra máis elevada desde que se convocan estes comicios. Milei, que na súa lista non tiña competencia, presentouse como "a única oposición" e afirmou que en outubro derrotará "o kirchnerismo" por medio da súa utopía libertaria e unha cruzada contra o Estado: "Estamos ante o fin do modelo da caste, baseado nesa atrocidade que di que onde hai unha necesidade hai un dereito, pero esquecendo que ese dereito alguén o ten que pagar".

En segunda posición ficou a suma dos candidatos de Xuntos polo Cambio, a formación do ex presidente Mauricio Macri, con perto de 28,1% dos votos. A vencedora dentro desta lista da dereita foi Patricia Bullrich, que roldou 17% do total, seis puntos máis que o seu rival interno, Horacio Rodríguez Larreta. Após coñecer os resultados, Macri tendeu a man á extrema dereita: "Sumando o que sacamos nós e Javier Milei, é unha maioría enorme que propón un cambio profundo como non existiu en décadas na Arxentina".

Sergio Massa, ministro de Economía e candidato da Unión, cre aínda na remontada: "Temos 60 días para lle dar a volta"

E relegada ao terceiro posto foi a candidatura de Unión pola Patria, herdeira do Frente de Todos que catro anos atrás levou Alberto Fernández á Presidencia. Os resultados de Juan Grabois (5,8%) e Sergio Massa (21,3%) apenas valeron á lista apoiada polo actual Goberno un 27,1% dos sufraxios. Massa, actual ministro de Economía, será o 'presidenciábel' de Unión en outubro.

Lonxe de caer no pesimismo, o ministro chamou a facer posíbel a remontada: "O esforzo empeza mañá. 60 días para lle dar a volta, para gañar a aqueles que convocando desde o odio hoxe construíron un principio de nova maioría". Tamén avogou por artellar "unha nova maioría" e comprometeuse a que o próximo Goberno "non sexa só de unidade dunha coalición, senón de unidade nacional".

Quen é Javier Milei?

Milei identifícase ideoloxicamente como "anarcocapitalista", se ben moitos dos seus postulados son moi próximos aos movementos de extrema dereita, como a negación do cambio climático ou a oposición á legalización do aborto. O pasado ano foi convidado por Vox a un acto da formación ultraespañolista no que mostrou publicamente o seu apoio a Santiago Abascal e dixo, ante os presentes: "Non teñan medo, dean a batalla contra o zurderío, que a gañaremos. Somos superiores, produtiva e moralmente".

As súas intervencións públicas non deixan ninguén indiferente, e a súa acérrima defensa do pensamento libertario levouno mesmo a propor a legalización da compravenda de órganos humanos: É un mercado máis. Poderíalo pensar como un mercado. O problema é por que todo ten que regulalo Estado, por que non vou dispor do meu corpo", dixo o pasado ano nunha entrevista. Na cuestión do aborto, que rexeita, opina distinto a respecto do corpo propio: "A nós caracterízanos a defensa do dereito á vida, á propiedade e á liberdade".

Tamén ten insistido na necesidade de "dolarizar" a moeda arxentina e, nas súas propias palabras, "dinamitar" o Banco Central, e fai numerosas alusións á "caste política" fronte á que se postula como o principal opositor. "Non vin guiar cordeiros, vin espertar leóns".

Falsa ameaza de bomba na Casa Rosada

Finalizadas as votacións e fechados os colexios electorais, a Policía ordenou o desaloxo da Casa Rosada, a sede do Goberno do país, logo de recibir unha falsa ameaza de bomba. A Policía de Bos Aires recibiu a chamada dun suposto traballador de seguridade do edificio que asegurou que unha persoa informara da instalación dun artefacto explosivo na sede gobernamental. Un dispositivo, porén, que non foi localizado após os rexistros, informa o xornal Clarín.

Comentarios