Sergio Massa e Javier Milei disputarán a segunda volta das eleccións presidenciais na Arxentina

Este domingo, máis de 35,8 millóns de arxentinos foron convocados a escolleren presidente, vicepresidente, 130 deputados, 24 senadores e 43 representantes.
Sergio Massa e Javier Milei (Fotos: Europa Press / Contacto / Manuel Cortina).
photo_camera Sergio Massa e Javier Milei (Fotos: Europa Press / Contacto / Manuel Cortina).

Os candidatos Sergio Massa (Unión pola Patria) e Javier Milei (A Liberdade Avanza) disputarán a segunda volta presidencial de Arxentina o próximo 19 de novembro, de acordo cos resultados oficiais.

Con máis de 98% dos votos escrutados, Massa gañou a xornada electoral ao obter 36,6 %, en tanto que Milei sumou 30 %.

Desta forma, quedou fóra da contenda Patricia Bullrich, a candidata da alianza conservadora Xuntos polo Cambio que aspiraba a obter os votos suficientes para avanzar á segunda volta e que só obtivo 23,8%.

As tendencias de votación confirmaron os escenarios que anticiparon as enquisas durante as últimas semanas, pero representaron un cambio fundamental con respecto ás eleccións primarias de candidatos presidenciais realizadas o pasado 13 de agosto.

Ese día, Milei, un dirixente da ultradereita cunha carreira política de só dous anos, sorprendeu ao converterse no candidato máis votado, en tanto que Massa, o ministro de Economía, ficou en terceiro lugar.

Con todo, a partir dese momento Massa logrou remontar e agora pasou en calidade de líder a unha segunda volta na cal buscará a continuidade do seu partido á fronte do goberno arxentino.

Por outra parte, os candidatos Juan Schiaretti (Facemos polo noso País) e Myriam Bregman (Fronte de Esquerda e dos Traballadores-Unidade) repetiron os resultados das eleccións primarias e só alcanzaron 7,2 % e 2,6 % respectivamente.

Eleccións pacíficas

Este domingo, máis de 35,8 millóns de arxentinos foron convocados a escolleren presidente, vicepresidente, 130 deputados, 24 senadores e 43 representantes.

A Cámara Nacional Electoral informou que votou 74 % do padrón, en tanto que Julio Vitobello, secretario xeral da Presidencia, explicou que a xornada se levou a cablo con total normalidade, en tranquilidade e en paz.

Un anaco despois de que fechasen as urnas, cando aínda non había datos oficiais, Guillermo Francos, asesor de Milei, recoñeceu que habería unha segunda votación, o que contradí as expectativas do candidato que aspiraba a gañar en primeira volta.

Parte deste resultado débese ao contundente triunfo do gobernador da provincia de Bos Aires, Axel Kicillof, quen foi reelixido con 45 % dos votos, fronte a 26,4 % que obtivo o seu adversario máis próximo, Néstor Grindetti (Xuntos polo Cambio).

Unha vez que as tendencias foron irreversíbeis, a primeira candidata en ofrecer un discurso foi Bullrich, quen asumiu a derrota acompañada de todos os dirixentes de Xuntos polo Cambio, entre eles o ex presidente Mauricio Macri.

Comentarios