Israel rexeita o alto o fogo en Gaza e aproba a invasión de Rafah

Hamás comunicou unha nova proposición
Palestinas asasinadas por Israel. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)
photo_camera Palestinas asasinadas por Israel. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press / Contacto)

A oficina do primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, insistiu a sexta feira en que as reclamacións da organización palestina Hamás nas negociacións para un alto o fogo en Gaza son “absurdas”, mais indicou que as conversas proseguirán. En paralelo, trasladou que foron aprobados os plans militares para a invasión de Rafah.

Esta cidade, localizada no sur da Faixa, na fronteira con Exipto, acolle máis da metade das 2,3 millóns de persoas que viven no enclave, e que chegaron á urbe fuxindo dos bombardeos indiscriminados e do intento de invasión israelí.

A posición de Netanyahu contrastou con reportes anteriores dos medios sionistas de que se produciran avances nas negociacións, no marco das que o grupo palestino, que goberna Gaza, entregou unha nova proposta de tregua en dúas fases.

Tras a primeira, que suporía a liberación de todas as mulleres, crianzas, persoas maiores e doentes israelís detidas na Faixa a cambio de entre 700 e 1.000 persoas palestinas arrestadas por Israel, fixaríase unha data para un alto o fogo permanente, unha das exixencias de Hamás para rubricar o acordo amais da retirada dos soldados sionistas do territorio.

Pola súa parte, o presidente exipcio, Abdelfatah al Sisi, afirmou que confía en que en “poucos días como moito” se alcance un pacto para o cesamento de hostilidades, lembrando que a agresión militar israelí, considerada por persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) como unha limpeza étnica e un xenocidio, xa se alongou cinco meses. Case 31.500 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza desde outubro.

Medra a presión contra Israel

A reiterada obstaculización das negociacións por parte de Israel corre paralela á intensificación das críticas do seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos. Na madrugada da sexta feira, o país distribuíu un borrador de resolución no Consello de Seguridade da ONU no que demanda “un alto o fogo inmediato e sostido”, petición que vetara con anterioridade.

Ademais, o presidente Joe Biden destacou o “bo discurso” de Chuck Schumer, líder da maioría demócrata no Senado, que pediu eleccións no réxime de apartheid sionista, e cualificou Netanyahu como un dos obstáculos chave para a paz após “permitir que a súa supervivencia política teña prioridade sobre os mellores intereses de Israel”, dirixido por un Gabinete con “fanáticos”, insinuando que se a situación non cambia priorizarán “a paz e a estabilidade a longo prazo na rexión” por diante do seu apoio a Israel.

Comentarios