Israel lanza outro ataque contra o hospital al Shifa da cidade de Gaza

Unha vintena de persoas foron asasinadas.
Familiares choran o asasinato dun bebe en Gaza por parte de Israel. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Familiares choran o asasinato dun bebé en Gaza por parte de Israel. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press / ContactoPhoto)

Tanques, drones e helicópteros israelís atacaron a segunda feira o hospital al Shifa, na cidade de Gaza, pouco despois de que os seus soldados ingresaran ao centro hospitalario, o máis grande da Faixa, vestidos de civís. Arredor de 20 persoas foron asasinadas polas tropas sionistas, que aseveraron que foron disparadas ao ingresar no hospital, indica a prensa israelí. Tamén foron arrestadas máis de 80 persoas, entre elas o xornalista da canle Al Jazeera Ismail al Ghoul.

Desta vez, Israel reitera que a organización palestina Hamás, que goberna Gaza, usou o centro para reagruparse. En novembro, o réxime de apartheid sionista xa lanzara unha incursión contra o hospital aducindo que debaixo había un centro de mando do grupo que nunca atopou.

No que atinxe ás negociacións para un alto o fogo, unha delegación israelí prevía dirixirse a Qatar para unha nova rolda de conversas de cara a un pacto para un cesamento de hostilidades e o intercambio de persoas detidas, que, en todo caso, precisará en última instancia da aprobación do Goberno de ultradereita israelí, que obstaculizou alcanzar un entendemento.

Comentarios