A CE activa este domingo o corredor marítimo para entregar axuda a Gaza, cinco meses após intensificarse o conflito

Desde a ONU sinalan a necesidade de “abrir completamente os cruces e corredores fronteirizos”

Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea. (Foto: Kay Nietfeld / DPA)
photo_camera Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea. (Foto: Kay Nietfeld / DPA)

A presidenta da Comisión Europea (CE), Ursula von der Leyen, apuntou esta sexta feira desde Nicosia que o corredor marítimo anunciado polos Estados Unidos de América (EU)A para entregar axuda humanitaria á Faixa de Gaza desde Chipre a través do chamado “mecanismo Amaltea” entrará en funcionamento este domingo, tras unha primeira operación piloto esta mesma sexta feira.

En declaracións xunto ao presidente chipriota, Nikos Christodoulides, a líder do Executivo europeo confirmou a apertura dun corredor humanitario por vía marítima a iniciativa de Chipre, Emiratos Árabes Unidos, EUA e a CE, que permita a entrega de axuda humanitaria á Faixa fronte ao bloqueo israelí dos pasos terrestres, en especial Rafá.

Nun posterior comunicado conxunto, os actores implicados nesta iniciativa apuntan que a entrada en funcionamento da operación internacional —que conta tamén coa participación a título estatal de Alemaña, Grecia, Italia e Países Baixos— consistirá nun encontro entre responsábeis chipriotas para acelerar as operacións nesta vía de paso e combinalas coa axuda aérea que subministran Estados como Exipto ou Xordania.

Perto de 31.000 persoas asasinadas

O mecanismo Amaltea chega máis de cinco meses despois de que Israel intensificase os seus ataques sobre a poboación civil de Palestina, centrándose especialmente sobre aquela da Faixa de Gaza no que varias asociacións internacionalistas e Estados como o Brasil deron en cualificar xa como un xenocidio.

A axuda humanitaria que agora queren enviar a CE, Chipre, Emiratos Árabes Unidos e os EUA chegará mentres no paso de Rafá permanecen bloqueados centos de camións con alimentos e subministros médicos destinados á poboación palestina. “Deben abrirse completamente os cruces e corredores fronteirizos e débense tomar medidas para garantir o movemento libre e seguro dos convois de axuda á poboación civil alí onde se atopen dentro da Faixa de Gaza se se quere evitar unha maior fame e sufrimento innecesario”, explicou esta sexta feira o Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Volker Turk.

O balance de persoas palestinas asasinadas polo Estado sionista de Israel roza xa o limiar dos 30.900, segundo indicaron as autoridades gazatíes. Ademais, o Ministerio de Sanidade gazatí cifrou en 72.402 as persoas feridas desde o 7 de outubro. Nun comunicado, o Ministerio destaca que durante as últimas 24 horas “a ocupación israelí cometeu oito masacres contra familias na Faixa de Gaza, deixando 78 mártires e 104 feridas”.

Comentarios