A OMS exixe entrar no hospital Nasser entre mortes pola falta de enerxía

Centro médico de Khan Younis asaltado por Israel.
ns_check_the_rubble_of_building_destroyed_in
photo_camera Edificio destruído en Gaza. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)

Cinco persoas que se atopaban na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do hospital Nasser, o principal centro médico operativo que quedaba na Faixa de Gaza, situado en Khan Younis, no sur do territorio palestino, faleceron ao parar os aparatos que as mantiñan con vida, informou hoxe o Ministerio de Saúde do enclave, por mor do corte de electricidade que acompañou o asalto do hospital a quinta feira por parte dos militares israelís.

O hospital, no que se resgardaban 10.000 persoas refuxiadas, foi invadido con tanques e entre bombardeos após 25 días de asedio, como xa fixeran as tropas sionistas noutras instalacións sanitarias da Faixa. O Ministerio trasladou a súa preocupación polo resto de pacientes que estaban sendo tratados na UCI, entre eles tres bebés, que poderían falecer “en calquera momento”, e destacou que se produciron dous nacementos “en condicións inhumanas, sen electricidade, sen auga, sen comida e sen calefacción”.

Ademais dos reportes de testemuñas de que os militares israelís dispararon contra calquera “que se movera”, tamén transcendeu que persoas doentes foron obrigadas a concentrarse noutro punto do complexo, o que levou a Organización Mundial da Saúde (OMS) a cuestionar o posíbel “traslado forzoso”, o que “pode provocar a deterioración do seu estado ou incluso a morte”.

A pesar de xustificar o asalto ao hospital ateigado pola suposta presenza de cadáveres de persoas israelís detidas en Gaza, e como aconteceu en situacións similares con anterioridade, Israel non foi quen de atopalos, mais aseverou que deu con “20 terroristas”, que presuntamente terían participado na operación da resistencia palestina do 7 de outubro.

Castigo colectivo contra un campo de refuxiados

Tres persoas perderon a vida no ataque a tiros dun palestino no sur de Israel, incluído o tirador. En resposta, forzas sionistas lanzaron un ataque contra o campo de refuxiados de Shuafat, en Cisxordania, no que residía.

Case 29.000 palestinas e palestinos foron asasinados desde outubro en Gaza, nunha agresión militar que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran unha limpeza étnica e un xenocidio.

Pola súa parte, Rusia convocou unha serie de conversas “interpalestinas” que comezarían o 29 de febreiro, para o que convidou a Moscova distintos grupos, entre eles Hamás e Fatah, as principais organizacións da resistencia palestina.

Comentarios