As Forzas Armadas ucraínas atacan Moscova e a península de Crimea

Rusia acusa a UE de reter os envíos de fertilizantes que remite de balde a países empobrecidos, insistindo na súa capacidade de substituír as entregas de cereais ucraínos.
Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, e o seu homólogo turco, Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)
photo_camera Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, e o seu homólogo turco, Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)

Dous drones foron interceptados na madrugada do domingo á segunda feira na capital rusa, Moscova, por medios electrónicos, sostivo o Ministerio de Defensa após reportarse o impacto dos vehículos non tripulados en dous edificios non residenciais, precisaron as autoridades municipais da urbe.

Mentres que un dos aparellos provocou danos nun rañaceos, o outro golpeou un edificio perto dunha instalación pertencente a Defensa, sen provocar vítimas. A voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zajarova, cualificou o ataque como “un acto de terrorismo internacional”, á vez que o organismo trasladou que “detrás das descaradas accións dos neonazis ucraínos agóchase o obxectivo de Occidente de agravar aínda máis a situación”.

En paralelo, Rusia transmitiu que os militares ucraínos atacaron un depósito de munición na península de Crimea con 17 drones, dos que a meirande parte terían sido interceptados segundo o Kremlin.

Malia que polo xeral Ucraína non asume a autoría dos ataques fóra do seu territorio, nesta ocasión o ministro de Transformación Dixital, Mijailo Fedorov, confirmou a operación contra “a capital dos orcos e Crimea”, adiantando novos ataques e criticando os sistemas de defensa aérea de Rusia.

Apenas un día antes, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, insistira en que lanzarían represalias polos danos na Catedral da Transfiguración de Odesa, da que inculpou Rusia no marco dunha vaga de ataques contra obxectivos na cidade, que definiu como un “acto terrorista”.

Ao tempo, o Kremlin negou calquera responsabilidade nos importantes danos ao edificio relixioso, e acusou Kíiv da destrución, tras cuestionar Ucraína varias veces por apostar os seus sistemas de defensa aérea en zonas habitadas, o que deriva en vítimas civís. Pola súa parte, Moscova bombardeou instalacións portuarias no río Danubio. Kíiv salientou que destruíu depósitos de cereais, aceite e combustíbel.

No que atinxe á contraofensiva militar ucraína, Zelenski explicou a falta de avances relevantes polos atrasos na entrega de armamento por parte da Organización do Tratado do Atlántico Norte.

Amais, o mandatario ruso, Vladimir Putin, reiterou que Rusia ten capacidade para substituír o gran ucraíno que ía dirixido a países africanos, tanto “sobre unha base comercial como gratuíta”. Tamén criticou os Estados occidentais por impedir a subministración gratuíta a países empobrecidos de fertilizantes rusos, recalcando que hai máis de 200.000 toneladas métricas de fertilizantes bloqueadas en portos da Unión Europea.

Comentarios