Ucraína non logra grandes avances a pesar do uso de bombas de acio

Zelenski destitúe o embaixador no Reino Unido tras ser cuestionada a súa resposta ás demandas de Londres de "gratitude" polas armas entregadas.
Restos dun ataque a Odesa. (Foto: Europa Press / Contacto)
photo_camera Restos dun ataque a Odesa. (Foto: Europa Press / Contacto)

O presidente ruso Vladimir Putin sostivo a sexta feira que a contraofensiva militar ucraína, que comezou os primeiros días de xuño, está a fracasar aínda cos "colosais recursos que se inxectou no réxime de Kíiv", en referencia aos arredor de 170.000 millóns de euros enviados a Ucraína por parte dos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), sobre todo en armas.

O certo é que, polo de agora, os medios especializados revelan que os avances ucraínos foron limitados, e aínda non alcanzaron as principais liñas de defensa rusa. Entrementres, as Forzas Armadas rusas están a conseguir tamén avances na rexión de Khárkiv, entre un aumento dos combates en torno ás ribeiras do río Dniéper.

Malia os lentos avances en territorio no medio dunha guerra de desgaste, “a semana pasada ou así”, o Exército ucraíno comezou a utilizar no campo de batalla as bombas de acio enviadas polos Estados Unidos, confirmou o voceiro do Consello de Seguridade Nacional da Casa Branca, John Kirby, o que aínda non se traduciu en novos éxitos militares. Máis de 100 países asinaron o acordo que prohibe as bombas de acio polos seus efectos indiscriminados na poboación civil, ao dispersar múltiples bombas de tamaño reducido.

Pola súa parte, Moscova advertira que se Kíiv poñía en uso este armamento procedería da mesma maneira. Washington defendera o seu envío á guerra en Europa insistindo en que o Exército ucraíno apenas ten munición.

Ao tempo, Putin trasladou a Polonia que un ataque militar contra Belarús será considerado como unha “agresión” contra Rusia, após acusar Varsovia e Vilnius de programar a ocupación do oeste do territorio ucraíno.

No que atinxe a Ucraína, o seu embaixador en Londres foi destituído tras lamentar o “sarcasmo” do presidente Volodimir Zelenski na súa resposta a Ben Wallace, titular de Defensa do Reino Unido, que demandou “gratitude” a Kíiv polos continuos envíos de armas.

En paralelo, dimitiu Oleksandr Tkachenko, ministro ucraíno de Cultura, que foi premido polo mandatario para abandonar o Goberno por gastos excesivos en “museos, centros culturais, símbolos e series de televisión”, criticoulle Zelenski.

Pola súa banda, Martin Rentsch, do Programa Mundial de Alimentos da Organización das Nacións Unidas, explicou sobre as consecuencias da fin do acordo de exportación de gran polo Mar Negro que “non se trata de levar cereal de Ucraína aos países afectados pola fame, trátase de manter baixo o prezo do gran no mercado mundial”.

Comentarios