Rusia acusa a OTAN de apoiar o "terrorismo nuclear" de Ucraína

Produciuse un ataque cun drone perto dunha central atómica en Rusia.
Vladimir Putin. (Foto: Kremlin / DPA)
photo_camera Vladimir Putin. (Foto: Kremlin / DPA)

“A xente nos países da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) debería decatarse de que os seus Gobernos están a patrocinar o terrorismo nuclear por parte do réxime de Kíiv”, salientou a sexta feira a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zajarova.

Estas declaracións producíronse tras informar Roman Starovoit, gobernador da rexión rusa de Kursk, na fronteira con Ucraína, de que un drone impactou nun edificio de apartamentos en Kurchatov que se atopa á beira do estanque de arrefriamento da central nuclear da localidade.

Nese sentido, Zajarova indicou que “non terán tempo”, ao cuestionar se “os países que os subministran [os drones] ao réxime de Kíiv planean retirarse a Marte se hai un desastre nuclear”.

A esta situación súmase a da central nuclear de Zaporijia, a máis grande de Europa, e que está baixo o control de Rusia case desde a invasión de Ucraína. Moscova e Kíiv intercambiaron acusacións sobre disparos á planta e sobre supostos plans de ataque contra ela. O director xeral de Rosatom, Alexei Lijachov, ratificou que só “un imbécil” querería voar a central nuclear “cando un ten 3.500 empregados traballando alí cada día”.

Ademais, Zajarova sostivo que Rusia dará “unha resposta proporcional” ao uso de bombas de acio estadounidenses en Ucraína, que tanto Washington como Kíiv confirmaron que chegaron ao país eslavo, facendo fincapé en que os Estados Unidos buscan “loitar contra Rusia até o último ucraíno”.

No que atinxe ás negociacións para prorrogar a iniciativa humanitaria de exportación de gran polo mar Negro, que expira a próxima segunda feira, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, afirmou a AFP que están a preparar unha visita do presidente ruso, Vladimir Putin, a Turquía en agosto, así como que “estamos de acordo na extensión” do pacto para o corredor de gran. Aínda así, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, afirmou que o país aínda non ten un pronunciamento ao respecto.

Hai 48 horas, Putin abriu a porta a retirarse do acordo até que se cumpran os apartados referentes a Rusia, como a fin dos obstáculos á exportación de gran e fertilizantes rusos por mor das sancións coercitivas impulsadas pola OTAN e os Estados da súa contorna, ademais da de amoníaco, cuxa canalización principal acusa Kíiv de atacar.

O mandatario ruso reiterou que cando o resto de Estados cumpran os seus compromisos "volverémonos a unir inmediatamente" á iniciativa.

Comentarios