Bruxelas prepara o envío de 20.000 millóns de euros a Ucraína

22 Estados solicitaron integrarse no grupo Brics, que estudará a súa ampliación na cimeira que desenvolverá en agosto en Suráfrica.
Ataque en Odesa. (Foto: Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Ataque en Odesa. (Foto: Zuma Press / Contactophoto)

Os titulares de Ministerios de Exteriores dos Estados membros da Unión Europea (UE) reuníronse a quinta feira para abordar o apoio a Ucraína, entre as medidas que se trataron está un plan de 20.000 millóns de euros para entregar a Kíiv en armamento e axuda militar durante catro anos. Josep Borrell, o alto representante para a Política Exterior do bloque comunitario, incidiu en que “só hai unha solución, aumentar o apoio militar a Ucraína”, e reclamou aos países veciños que “abran máis as fronteiras e faciliten o transporte”, un día despois de que os catro países membros da UE que comparten lindes con Ucraína -amais de Bulgaria- solicitaran a Bruxelas prorrogar até fin de ano a prohibición de importación de cereais ucraínos, que non afecta ao tránsito de mercadorías en dirección a terceiros países.

Amais, Borrell acusou Rusia de bombardear almacéns de gran no marco dos ataques sobre a infraestrutura portuaria de Odesa, que comezaron após o ataque ucraíno á ponte que une Crimea con Rusia. En paralelo, ministras e ministros de Exteriores da UE criticaron que Rusia non estendera a iniciativa de exportación de gran polo Mar Negro.

Tanto Moscova como Kíiv trasladaron que considerarán os barcos de carga no Mar Negro como obxectivos militares. Á vez, as autoridades ucraínas reclamaron restaurar o acordo, sinalando que os corredores terrestres non poden absorber as exportacións do seu gran, entre críticas aos países da UE que solicitaron manter o veto ao cereal ucraíno.

Na Bolsa de Chicago, os prezos a futuros do trigo marcaron o seu máximo en tres semanas. A pesar disto, Simon Baptist, da Unidade de Intelixencia do grupo The Economist, sostén que a fin do acordo do Mar Negro apenas afectará os prezos do cereal por mor dunha “oferta abundante” entre grandes colleitas en Australia, o Canadá ou Rusia.

Nesa liña, apuntou que “probabelmente querer vender esa colleita” formou parte das “motivacións” para suspender o acordo, o que xustificou en que nunca se chegaron a cumprir os apartados do pacto relacionados coa fin dos obstáculos ás exportacións de gran e fertilizantes rusos.

Brics

A respecto da cimeira do grupo Brics que decorrerá en agosto en Suráfrica, o embaixador do país africano na entidade, Anil Sooklal, transmitiu a Bloomberg que 22 países xa solicitaron unirse á organización, tras sinalar que a ampliación podería alcanzar até 50 membros.

Comentarios