Acordo no Concello da Coruña para evitar un 'pelotazo' no porto

O pleno comeza o procedemento de devolución da Casa Cornide.
Concentración de Defensa do Común, esta quinta feira, na Coruña (Foto: Defensa do Común).
photo_camera Concentración de Defensa do Común, esta quinta feira, na Coruña (Foto: Defensa do Común).

A plataforma Defensa do Común concentrouse esta quinta feira na praza de María Pita polo futuro dos peiraos interiores do porto da Coruña. Arredor de 20 persoas con pancartas expresaban así o sentido dunha moción que ao cabo dunha hora se debateu no pleno municipal, neste caso defendida polo BNG e que finalmente alcanzou o apoio unánime da Corporación. 

Respaldaban esta iniciativa 40 entidades e colectivos, na procura de conseguir a elaboración dunhas bases de ordenación de usos para os terreos do porto interior (nomeadamente, os peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego), con vistas a evitar un "pelotazo urbanístico".

Defendeu a moción o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, que subliñou que "o Concello debe liderar o proceso que, co concurso do resto das Administracións públicas, leve a cidade a deseñar a futura fachada marítima". Ese deseño "ten de ser participado pola veciñanza", reclamou Jorquera, e nese sentido a Comisión Especial da Fachada Marítima -a cal preside- está chamada a "xogar un rol protagonista, coa comparecencia no seu seo de persoas expertas e entidades sociais con vistas a achegaren as súas visións e propostas".

O PP local tamén amosou o seu total acordo coa iniciativa, e o seu edil Miguel Lorenzo destacou a importancia de contar cos terreos públicos do porto para ”desenvolver os seus usos” futuros. Pola súa banda, o concelleiro socialista Xosé Manuel Laxe tamén argumentou o voto a favor do seu grupo afirmando que desde o Goberno local “estamos a dar pasos firmes, rigorosos e sosegados” para que a cidade aproveite os espazos destes peiraos.

Recuperar a Casa Cornide

O mesmo pleno municipal aprobou por unanimidade dos tres grupos iniciar o procedemento de revisión de oficio dos acordos plenarios de 3 de xullo e 2 de agosto de 1962 para recuperar para a cidade a titularidade da Casa Cornide, e a súa incorporación ao patrimonio público da cidade herculina. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios