8.500 civís mortos desde a invasión rusa de Ucraína, informa a ONU

O Exército ruso lanzou ataques aéreos contra nove rexións ucraínas, á espera da contraofensiva das tropas de Kíiv. Pola súa parte, a última actualización da ONU sobre as vítimas civís eleva a case 12.000 o número de mortes desde o comezo da guerra.
Limpeza de minas en Khersón. (Foto: Mykhaylo Palinchak / Europa Press / Contacto)
photo_camera Limpeza de minas en Khersón. (Foto: Mykhaylo Palinchak / Europa Press / Contacto)

A Oficina do Alto comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos trasladou esta terza feira que desde a invasión rusa de Ucraína o 24 de febreiro de 2022 8.490 civís faleceron por mor do conflito, a meirande parte nas zonas en disputa no Donbás, ao que hai que engadir 14.244 persoas que ficaron feridas.

A entidade incidiu en que “cree que as cifras reais son considerabelmente máis altas xa que a recepción de información dalgúns lugares onde se produciron intensas hostilidades atrasouse e moitos informes aínda están pendentes de corroboración”. Desde o comezo da guerra en 2014 até a invasión rusa 3.106 civís perderon a vida nos combates.

A maior parte da actividade militar continúa concentrada na rexión de Donetsk, entrementres as autoridades ucraínas reiteran os anuncios dunha próxima contraofensiva, agardada a finais deste mes ou comezos de maio segundo os medios especializados, a pesar das dúbidas estadounidenses sobre o seu éxito, como revelou a filtración de documentos confidenciais da Intelixencia de Washington, a máis importante dos últimos anos.

Ao tempo, o Estado Maior das Forzas Armadas ucraínas informaron de que o Exército ruso lanzou ataques aéreos contra nove rexións “sobre as posicións das nosas tropas e a infraestrutura civil das áreas poboadas”.

No que atinxe á filtración, o Departamento de Defensa dos Estados Unidos recoñeceu que “representa un risco moi grave para a seguridade nacional”, polo que prosegue a investigar a súa procedencia, e admite que se viu “comprometido a altos niveis” cos seus aliados ao coñecerse que foron espiados por Washington.

En paralelo, fixéronse públicos novos documentos filtrados que afectan Exipto e os Emiratos Árabes Unidos. No Cairo o espiado foi o presidente do país, Abdelfata al Sisi, que tería ordenado fabricar arredor de 40.000 mísiles para Moscova, o que foi negado tanto por Exipto como por Rusia, á vez que os medios dos Estados Unidos transmiten que o Pentágono non ten constancia de que se lle chegaran a remitir.

No referente ao país de Asia Occidental o arquivo sostén que foron detectadas conversas da Intelixencia rusa nas que se gababan de "traballar xuntos [co Estado emiratí] contra as axencias de Intelixencia estadounidenses e británicas”, unha posibilidade rexeitada por Abu Zabi.

Aliás, o ministro húngaro de Exteriores, Péter Szijjártó, estivo en Moscova co vice primeiro ministro ruso, Alexander Novak, co que abordou a seguridade da subministración de gas e petróleo de Rusia, así como a “prevención de sancións que ameacen a industria nuclear”.

Comentarios