Rusia acusa Ucraína de intentar asasinar a Putin nun ataque con drons contra o Kremlin

Moscú fala de “acto terrorista planificado” e di que “se reserva o dereito de adoptar medidas en resposta”.

Momento da explosión do dron encima do edificio do Kremlin (Foto: captura de pantalla).
photo_camera Momento da explosión do dron encima do edificio do Kremlin (Foto: captura de pantalla).

O Kremlin acusou esta cuarta feira Ucraína dun intento de asasinato contra o presidente ruso, Vladimir Putin, usando dous drons, ao tempo que recalcou que ambos os aparellos tiñan como obxectivo a sede da Presidencia rusa, sen que Kiív se pronunciara ao respecto.

“O réxime de Kiív realizou esta noite un intento de atacar a residencia do presidente ruso no Kremlin”, dixo, antes de afirmar que Putin non resultou ferido e que sigue a traballar con normalidade. “O presidente de Rusia non resultou ferido como resultado deste acto terrorista”, recalcou.

“Como resultado das adecuadas accións do Exército e os servizos especiais a través do uso de sistemas de radares, os aparellos foron postos fóra de servizo”, manifestou, ao tempo que engadiu que “non hai vítimas nin danos materiais como resultado da caída de fragmentos nos patios do Kremlin”, tal e como indicou a Presidencia rusa a través dun comunicado.

Da mesma maneira, destacou que Moscova “considera estas accións como un acto terrorista planificado e un intento de asasinato do presidente, levado a cabo pouco antes do Día da Vitoria”, ao tempo que fixo fincapé en que “Rusia resérvase o dereito de adoptar medidas en resposta onde e cando considere apropiado”.

Após o suceso, o alcalde de Moscova, Sergei Sobianin, anunciou nunha mensaxe na súa conta de Telegram unha prohibición do uso de drons, “a excepción dos utilizados por decisión das autoridades”.

“A medida foi adoptada para evitar o uso non autorizado de drons, o que podería danar os traballos das axencias de seguridade”, engadiu.

“Numerosos” ataques

En febreiro, un dron impactou perto dunha “infraestrutura civil” na cidade rusa de Kolomna, situada na rexión de Moscova. “Non hai feridos. Non hai vítimas nin danos”, afirmou entón o gobernador da rexión de Moscova, Andrei Vorobiov.

Rusia denunciou numerosos ataques con drons contra aeródromos e outros obxectivos no seu territorio, especialmente en zonas próximas á fronteira coa Ucraína e sobre todo durante os últimos meses, no marco da invasión da Ucraína, desencadeada o 24 de febreiro de 2022 por orde de Putin.

Ante estes feitos, o presidente da Duma de Estado (a Cámara Baixa do Parlamento ruso), Viacheslav Volodin, declarou que as negociacións co Goberno actual da Ucraína non son unha opción despois do ataque con drons contra o Kremlin.

A ONU pide evitar unha "escalada"

A Organización das Nacións Unidas (ONU) fixo un chamamento ás partes do conflito na Ucraína para que se absteñan de usar retóricas e dar pasos que conduzan a unha escalada, declarou esta cuarta feira o portavoz adxunto da ONU, Farhan Haq. 

O alto funcionario engadiu que a organización non pode confirmar os informes dos ataques con drons ucraínos contra o Kremlin.

Comentarios