O Exército ruso lanza un ataque masivo contra obxectivos ucraínos logo da destrución dun buque de guerra en Crimea

O presidente polaco convoca a súa cúpula militar.
Ataque hoxe na capital ucraína. (Foto: Ukrinform / DPA)
photo_camera Ataque hoxe na capital ucraína. (Foto: Ukrinform / DPA)

As Forzas Armadas rusas lanzaron hoxe unha vaga de ataques ao longo de Ucraína, no que un funcionario da aviación militar de Kíiv considerou o “maior bombardeo aéreo da guerra” en declaracións á axencia AP, que comunicou que foron disparados 122 mísiles e 36 drones, deixando 20 mortes de civís. Nese sentido, o comandante en xefe do Exército ucraíno, Valeri Zaluzhni, sostivo que as súas defensas antiaéreas interceptaron a meirande parte dos drones, mísiles balísticos e de cruceiro.

Pola súa parte, o Ministerio de Defensa ruso transmitiu que entre o 23 de decembro e hoxe foron efectuados ataques contra posicións militares ucraínas e mercenarios estranxeiros, instalacións da industria e aeródromos militares, arsenais ou depósitos de combustíbel para equipos bélicos, e defendeu que derrubaron varios mísiles, proxectís e drones lanzados por Kíiv, así como avións de combate.

Asemade, o presidente de Polonia, o ultradereitista Andrzej Duda, convocou de urxencia unha reunión da cúpula militar após reportarse que un obxecto non identificado entrou no seu espazo aéreo desde Ucraína antes de desaparecer dos radares.

A vaga de ataques rusos produciuse poucos días despois de que Ucraína destruíra en Crimea o buque de desembarco da Mariña rusa Novocherkassk, causando a morte de 34 soldados segundo a prensa occidental e dunha empregada do porto segundo Rusia. O navío xa fora danado nos primeiros compases da invasión rusa. Ao tempo, o ataque ucraíno decorreu unha vez confirmada a conquista rusa da localidade estratéxica de Marinka, no Donbás.

En paralelo, prosegue a escalada no choque entre Zaluzhni e o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, logo de cuestionar o primeiro a nova norma para aumentar o ritmo de recrutamento entre a poboación, incidindo en que en ningún momento reclamou unha mobilización para engadir medio millón de soldados áo Exército, como afirmou a formación de Zelenski, Servidor do Pobo.

Incluso despois do último anuncio estadounidense dun novo envío de armas por valor de 225 millóns de euros, Ucraína advertiu aos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) que se os Estados Unidos e a Unión Europea non aproban os paquetes de asistencia militar e financeira bloqueados, que superan os 100.000 millóns de euros, non poderá pagar a dous millóns de empregadas e empregados públicos nin axudas sociais a un millón de persoas.

De aprobarse, a suma de compromisos con Kíiv aumentará a máis de 280.000 millóns de euros por parte dos Estados membros ou da contorna da OTAN.

Comentarios