A UE dará 1.000 millóns de euros ao Líbano para que free as migracións tras facer o mesmo con Tunisia, Exipto ou Mauritania

Bruxelas expande a súa estratexia de externalizar a xestión migratoria.
O primeiro ministro libanés, Najib Mikati, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a quinta feira. (Foto: Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)
photo_camera O primeiro ministro libanés, Najib Mikati, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a quinta feira. (Foto: Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)

Ursula von der Leyen, a presidenta do Executivo da Unión Europea (UE), fixo público a quinta feira nunha visita ao Líbano que entregarán ao país árabe un paquete de 1.000 millóns de euros co obxectivo de que obstaculice a migración de persoas refuxiadas sirias ao territorio comunitario e axudar á súa “estabilidade socioeconómica”.

A dotación de fondos, que estará dispoñíbel até 2027, segue a anuncios similares nos últimos meses en relación a Tunisia, Exipto ou Mauritania, e súmase á externalización da xestión migratoria pactada pola UE con Estados como Turquía, Libia ou Marrocos entre denuncias por violacións masivas dos dereitos humanos das persoas migrantes.

Persoas refuxiadas de Siria

Na visita estivo acompañada de Nikos Christodoulidis, o presidente conservador de Chipre, quen impulsou o pacto en resposta ao incremento do número de chegadas ás costas chipriotas de embarcacións con persoas sirias, nunha alta proporción procedentes do Líbano. Máis de 2.000 refuxiadas sirias chegaron no que vai de ano ao país insular.

Von der Leyen detallou que proporcionarán equipamento e formación ao Líbano para a xestión migratoria, salientando a necesidade de que o seu Goberno rubrique un acordo coa Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas (Frontex).

Hezbolá

Unha fonte comunitaria trasladou a medios internacionais que detrás do anuncio tamén está a intención da UE de desenvolver as condicións precisas para que as Forzas Armadas libanesas substitúan Hezbolá no sur do territorio, na fronteira con Israel.

Bruxelas, canda os Estados Unidos, é un dos principais aliados israelís, e está a brindarlle armas e cobertura diplomática para a súa agresión militar contra a Faixa de Gaza.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios