O alcalde de Kíiv carga contra Zelenski: "Non se pode mentir todo o tempo"

O rexedor da capital ucraína pediu a Zelenski "honestidade" sobre a auténtica situación tras o inicio do conflicto e sinalou que "Zelenski está a pagar polos erros que cometeu".
Vitali Klitschko. alcalde de Kíiv (Foto: Kay Nietfeld / dpa).
photo_camera Vitali Klitschko. alcalde de Kíiv (Foto: Kay Nietfeld / dpa).

O alcalde de Kiev, Vitali Klitschko, criticou os "erros" do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, e emprazouno a ser "honesto" coa situación da guerra.

"A xente pregúntase por que non estabamos mellor preparados para esta guerra, por que Zelenski negou até ao final que chegariamos a isto", afirmou Klitschko nunha entrevista co xornal suízo 20 Minuten que tivo ampla repercusión en Ucraína e Rusia.

"Había moita información que non se correspondía coa realidade", argumentou. Ademais, pediulle "honestidade" sobre a auténtica situación tras o inicio do conflicto e sinalou que "Zelenski está a pagar polos erros que cometeu".

"Sempre podes mentir euforicamente ao noso pobo e aos nosos aliados, pero non podes facelo para sempre", argumentou antes de expresar o seu respaldo ao xefe do Estado Maior das Forzas Armadas, o xeneral Valeri Zaluzhni, quen foi duramente criticado por dicir que a guerra estaba nun "punto morto".

"Dixo a verdade. Ás veces a xente non quere escoitar a verdade, pero ao final el é o responsábel. Explicou e xustificou cal é a situación actual", resaltou Klitschko.

Zelenski

Xa pola tarde, Zelenski sinalou no seu habitual discurso vespertino que "todo o mundo debe lembrar que a batalla polo destino de Ucraína continúa".

"Todo o mundo debería lembrar que a batalla polo destino de Ucraína continúa. Non é en redes sociais, non con discusións sobre cuestións políticas, non con rifas. Esta batalla é a que os ucraínos deben apoiar cada día", argumentou.

Comentarios