VÍDEO NO INTERIOR

O momento no que un concelleiro ucraíno do partido de Zelenski fai explotar varias granadas nun pleno

As autoridades de Ucraína investigan o suceso como un posíbel atentado terrorista.
O atacante mostrando as granadas antes de detonalas. (Foto: Policía de Transcarpatia)
photo_camera O atacante mostrando as granadas antes de detonalas. (Foto: Policía de Transcarpatia)

Até 26 persoas resultaron feridas de diversa consideración —seis delas en estado grave— por uns feitos que non por surrealistas deixan de ser reais. Un concelleiro de Servidor do Pobo, a formación do presidente ucraíno Volodimir Zelenski, accedeu esta sexta feira ao pleno do Concello de Keretsk, na rexión de Transcarpatia, portando varias granadas ás que retirou o anel para posteriormente ciscar polo chan.

A detonación destas armas provocou unha forte explosión que derivou en importantes danos estruturais e humanos, como se pode apreciar nun vídeo compartido pola Policía de Transcarpatia, que xa puxo o caso en mans do Servizo de Seguridade de Ucraína. O suceso, protagonizado —segundo medios ucraínos— polo edil Serguéi Batrin, está a ser investigado como un posíbel atentado terrorista.

O gobernador da rexión, Viktor Mikita, informou de que se están investigando as circunstancias e motivacións deste acto que cualificou como "crime" e que xa se convocou unha reunión de urxencia do Consello de Defensa de Transcarpatia para analizar o suceso e as súas consecuencias. O pleno estaba a retransmitirse en directo pola rede.

Aliás, desde o Ministerio do Interior de Ucraína precisaron que no lugar están traballando desde a mañá desta sexta feira servizos especializados, un grupo de investigación e operativo de policías, expertos en explosivos e criminólogos.

Comentarios