A UE celebra en Ucraína o décimo aniversario das protestas do Maidán

O golpe de Estado da ultradereita deu paso ao inicio da guerra en 2014.
Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína. (Foto: Presidencia ucraína)
photo_camera Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína. (Foto: Presidencia ucraína)

“Hai 10 anos os ucraínos lanzaron a primeira contraofensiva á arbitrariedade, contra os intentos de privarnos dun futuro europeo e contra a escravitude”, afirmou hoxe o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, en alusión ao aniversario do comezo das protestas na praza de Independencia (Maidán) de Kíiv, que derivaron nun golpe de Estado da extrema dereita e no comezo da guerra de Ucraína en 2014.

Zelenski insistiu en que a entrada ucraína na Unión Europea (UE) era daquela un “soño romántico” e agora unha “realidade”. En paralelo, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, viaxou á capital ucraína entre mensaxes de apoio ás protestas difundidos pola líder da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, ou a presidenta do Parlamento da UE, Roberta Metsola.

Un acordo para limitar o comercio con Rusia

O 21 de novembro de 2013, o daquela presidente ucraíno, Viktor Yanukovich, anunciou que rexeitaba asinar un acordo de asociación entre Ucraína e a UE, que implicaba limitar os vínculos comerciais con Rusia, e propuxo unirse a unha unión aduaneira con Moscova e outros Estados ex soviéticos.

No marco das protestas instigadas pola UE e os Estados Unidos -este último país chegou a participar na configuración do Executivo golpista-, a sublevación desatouse en febreiro de 2014 logo de que francotiradores da extrema dereita, que liderara as mobilizacións, comezaran a disparar contra policías e participantes nas protestas, como confirmou unha sentenza emitida en outubro por un tribunal ucraíno.

Desinformación

A pesar disto, desde o primeiro momento até a actualidade, tanto a extrema dereita como os medios occidentais sosteñen que Yanukovich ordenou atacar os manifestantes.

Comentarios