A UE estuda quitar a Hungría o dereito de voto para aprobar a axuda a Ucraína

Bruxelas ultima medio ano despois un novo paquete de sancións a Rusia.
O chanceler alemán, Olaf Scholz, saúda o primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, no Consello Europeo da pasada semana. (Foto: EU COUNCIL / DPA)
photo_camera O chanceler alemán, Olaf Scholz, saúda o primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, no Consello Europeo da pasada semana. (Foto: EU COUNCIL / DPA)

“En última instancia, Hungría non pode impedir que proporcionemos cartos a Ucraína”, trasladou un alto funcionario da Unión Europea (UE) en alusión ao bloqueo húngaro dun paquete de axuda comunitario para Kíiv de 50.000 millóns de euros entre 2024 e 2027, recolleu hoxe o xornal Financial Times.

Tras o veto de Viktor Orbán, primeiro ministro do Goberno de extrema dereita húngaro, á proposta na reunión do Consello Europeo a pasada semana, Bruxelas pretende persuadilo ameazando cos “custos totais” da súa decisión e está a considerar sancionar Budapest por violación da lexislación da UE, o que permitiría retirarlle o dereito de voto, para o que os outros 26 Estados do bloque comunitario teñen que estar de acordo.

Isto garantiría a unanimidade requirida para aprobar o paquete de axuda en xaneiro. Orbán advertiu que a súa luz verde está ligada á desconxelación de 21.000 millóns de euros de fondos da UE para Hungría que a Comisión Europea retén, exixindo ao país que protexa a independencia xudicial se quere acceder a eles.

12º paquete de sancións contra Rusia

O medio estadounidense tamén reportou que apenas ficaba pendente dunha “formalidade” a ratificación do duodécimo paquete de sancións da UE contra Rusia no marco da invasión de Ucraína, nun documento que busca desenvolver a implementación das medidas coercitivas aprobadas con anterioridade. Kíiv sostivo que Bruxelas aspira a impedir a reexportación a Rusia de compoñentes susceptíbeis de ser usados na industria militar.

Contraofensiva

Entrementres, no campo de batalla o descontento entre as tropas ucraína é “común e aberto” após o fracaso da contraofensiva, explica a axencia AP, que detalla o aumento das críticas contra os líderes ucraínos.

Comentarios