Netanyahu promete excluír a Autoridade Palestina do futuro político de Gaza e incrementa os bombardeos sobre a Franxa

O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Volker Turk, advertiu este domingo de que "xa non hai un lugar seguro" en Gaza
Un grupo de palestinos en Khan Yunis, no sur da Franxa de Gaza, fuxindo das súas casas despois dun ataque israelí. (Foto: Europa Press / Ahmed Zakot)
photo_camera Un grupo de palestinos en Khan Yunis, no sur da Franxa de Gaza, fuxindo das súas casas despois dun ataque israelí. (Foto: Europa Press / Ahmed Zakot)

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, prometeu que impedirá calquera tipo de influencia da Autoridade palestina sobe a Franxa de Gaza cando remate a operación militar contra o territorio palestino e contra a organización Hamás, xa que entende que ambas entidades están unidas no seu “compromiso para destruír o Estado de Israel”.

"Non vou cometer o erro de permitir que a Autoridade Palestina goberne en Gaza, sería o mesmo" que Hamás. Netanyahu avogou por "un cambio" no enclave palestino, que implique "a seguridade e o control de Israel".

Porén, a vicepresidenta dos Estados Unidos, Kamala Harris, avogou en Dubai por que "Gaza e Cisxordania [acaben] unificadas baixo a Autoridade Palestina" despois da guerra, un proxecto que choca frontalmente cos plans do seu aliado, que desbotou completamente esa posibilidade.

O portavoz do Consello de Seguridade Nacional dos EUA, John Kirby, insistiu en que "Gaza debe seguir sendo terra palestina e non pode ser reducida”, polo que o futuro político a medio prazo de Gaza aínda non está claro.

Pola súa parte, o Ministerio de Asuntos Exteriores da Autoridade Palestina respondeu ás palabras do Netanyahu acusando a Israel de dirixir os esforzos da operación militar contra Gaza a consolidar a separación total da Franxa e Cisxordania, evitando así a oportunidade de crear un Estado Palestino independente con capital Xerusalén Este”.

 

Continúan os bombardeos sobre Gaza

O exército israelí continuou este domingo bombardeando obxectivos en Gaza por terceiro día despois da ruptura da tregua a sexta feira. Aínda que non precisou o número de ataques, informou de que alcanzou "túneles, cuarteis [de Hamás] e almacéns de municións" e alertou de novos bombardeos contra a localidade de Khan Younis, no sur da Franxa, unha das máis afectadas desde o fin do cesamento do fogo.

As autoridades de Hamás en Gaza informaron de que máis de 700 palestinos morreron durante os bombardeos israelís nas últimas 24 horas no enclave palestino.

O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Volker Turk, advertiu este domingo de que "xa non hai un lugar seguro" en Gaza polos bombardeos israelís e reivindicou a necesidade de acometer algún tipo de investigación sobre posíbeis crimes de guerra durante o conflito aberto. desde o 7 de outubro entre Israel e Hamás para destacar unha vez máis a importancia do dereito internacional humanitario.

 

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios