O Constitucional estuda suspender a limitación a un Poder Xudicial en funcións

O Constitucional admite a trámite os recursos de PP e Vox para anular a norma que limita a capacidade do Poder Xudicial de facer nomeamentos se está en funcións. Até catro maxistrados teñen o mandato caducado desde 2019, polo que de revogar a lei poderían manter a maioría conservadora.
Membros do Tribunal Constitucional nunha imaxe de arquivo. (Foto: Tribunal Constitucional)
photo_camera Membros do Tribunal Constitucional nunha imaxe de arquivo. (Foto: Tribunal Constitucional)

Tras a decisión do Goberno estatal de limitar a finais de marzo a capacidade dun Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) en funcións de facer nomeamentos, cando se dispuña a seleccionar maxistrados para o Tribunal Supremo, tanto o Partido Popular (PP) como Vox presentaron recursos de inconstitucionalidade.

Na xuntanza do Tribunal Constitucional, que rematou a quinta feira, o pleno da maxistratura decidiu admitir a trámite os recursos, abrindo a porta a suspender unha medida que permitiu frear a actividade dun Poder Xudicial con maioría conservadora -acordado durante a etapa de Mariano Raxoi á fronte do Estado español- e que xa fixera 78 nomeamentos de postos chave na maxistratura nos case tres anos que leva co mandato caducado.

Estas posicións non poderán ser modificadas até dentro de varios anos a pesar do cambio na correlación de forzas no Congreso nas últimas eleccións.

Entre os postos cuxa renovación quedou bloqueada pola decisión gobernamental, están catro xuízas e xuíces do propio Constitucional que actúan en funcións desde novembro de 2019, como é o caso do presidente do tribunal, Juan José González Rivas, e a vicepresidenta, Encarnación Roca.

Nesta semana, fíxose público que o CXPX estudar trasladar xuíces da Sala Militar do Supremo á do Contencioso-Administrativo para manter a operatividade do tribunal. Asemade, os seus membros negáronse a dimitir para forzar o PP a negociar a renovación, pola que tamén agarda o Tribunal de Contas ou a Defensoría do Pobo.

Defectos formais

Nas alegacións que sosteñen o recurso, PP e Vox cuestionan que a tramitación parlamentaria da norma que limita a un Poder Xudicial en funcións iría en contra da Constitución por defectos formais. Tamén argumentan que vulnera a independencia xudicial.

Despois da admisión, a maxistratura informou o Congreso, o Senado e o Goberno español para participar no proceso.

Preparan unha sentenza en contra da suspensión do Congreso pola Covid-19    

Outro dos recursos de Vox presentados en contra da actuación do Executivo estatal durante o comezo da pandemia de Covid-19, está preto de recibir unha sentenza favorábel por parte do Tribunal Constitucional, confirmou Europa Press, neste caso para impugnar o acordo da Mesa do Congreso polo que se suspendeu a actividade lexislativa poucos días despois de entrar en vigor o primeiro estado de alarma.

No pleno da maxistratura, a maioría conservadora impuxo o seu sentir, a pesar de que a proposta do xuíz Antonio Narváez consistía en desestimar o recurso. O fallo definitivo agárdase para outubro. Do 19 de marzo ao 13 abril de 2020, a Mesa pactou suspender as respostas do gabinete e a presentación de emendas a proxectos e proposicións de lei.

Comentarios