O Congreso aproba a renovación do Tribunal Constitucional coa protesta do soberanismo

As forzas soberanistas abandonaron o hemiciclo ao comezo do debate para protestar polos candidatos propostos polo Partido Popular e aceptados polo Goberno estatal, acusados de "reaccionarios e corruptos".
Sesión de onte no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sesión de onte no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Desde novembro de 2019, catro maxistrados do Tribunal Constitucional (TC) do Estado español actuaban co mandato en funcións, incluído o presidente, Juan José González Rivas, e a vicepresidenta, Encarnación Roca, froito do bloqueo do Partido Popular (PP) á renovación de órganos como este tribunal ou o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Co Poder Xudicial aínda fóra do acordo entre o Goberno estatal e o PP, o Congreso aprobou onte as catro candidaturas para o TC e a renovación do Tribunal de Contas, que rematara este verán o seu mandato.

Porén, este proceso non estivo exento de críticas, especialmente dirixidas a Enrique Arnaldo e Concepción Espejel, a proposta dos conservadores para integrar o TC. Espejel chegou a ser apartada do caso Gürtel pola súa afinidade co PP, mentres que Arnaldo estivo imputado en causas como Palma Arena, pola corrupción en Balears durante a xestión do PP, na que quedou libre pola prescrición dos delitos.

Nunha votación secreta, todas as candidaturas foron aprobadas polos tres quintos da cámara baixa que exixe a lei (210 escanos), mais só Inmaculada Montalbán Huertas -proposta polo PSOE- e Juan Ramón Sáez Valcárcel -por Unidas Podemos- recibiron os 240 votos favorábeis que suma o PP coa coalición de Goberno. Arnaldo e Espejel fixéronse con 232 e 237 votos respectivamente, ao non  apoialos algúns deputados das forzas gobernamentais.

No que atinxe á renovación do Tribunal de Contas, tamén aprobada, completarase no Senado, que ten que ratificar os seis candidatos pactados.

O soberanismo marcha do debate e votación

As forzas soberanistas abandonaron o debate ao comezo da sesión, negándose a votar as candidaturas. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, explicou que “non nos sorprende que o PP propoña persoas reaccionarias e corruptas, por mor de que entendemos perfectamente que son as que representan a ese partido reaccionario e corrupto”, amosando a súa sorpresa en cambio polo apoio que recibiu desde o Executivo.

“O PSOE leva máis de 40 anos no réxime de 1978 repartíndose o control do Poder Xudicial co PP”, relatou, sinalando que máis explicacións debe dar Unidas Podemos polo aval a “unha candidata e un candidato impresentábeis desde o punto de vista democrático, que van contribuír a fortalecer ese carácter reaccionario e político do TC”.

“Temos a certeza de que as persoas que apoiaron Unidas Podemos nas eleccións non van entender esta decisión”, asegurou Rego.

Comentarios