Cargos da UE piden novas sancións a Rusia sen o consenso dos Estados

Cargos da UE piden novas sancións a Rusia sen o consenso dos Estados. China pide investigar o acontecido en Bucha. A OTAN anuncia o envío de armamento pesado a Ucraína. A ONU afirma que xa son perto de 2.000 os civís mortos no conflito entre Rusia e Ucraína.
Un tanque da OTAN realiza manobras en Eslovaquia. (Foto: Tasr / Dpa)
photo_camera A OTAN anunciou o envío de armamento pesado a Ucraína. (Foto: Tasr / Dpa)

Representantes da Unión Europea (UE) apuntaron nesta cuarta feira a máis sancións contra o sector enerxético ruso polas mortes en Bucha. 

O presidente do Parlamento da UE, Charles Michel, incidiu en que despois de cortar as importacións de carbón, as sancións ao petróleo e ao gas "serán necesarias tarde ou cedo". 

A presidenta da Comisión da UE, Ursula von der Leyen, garantiu que o quinto paquete de sancións, que inclúe o embargo ao carbón ademais do fechamento dos portos europeos a navíos rusos e medidas contra o sistema bancario, "non será o último".

Tamén interviu o representante da Diplomacia da UE, Josep Borrell, quen lembrou que desde o inicio do conflito a UE pagou 35.000 millóns de euros a Rusia por recursos enerxéticos.

Porén, non existe consenso nesta cuestión entre os Estados da UE, despois de que Alemaña e Austria rexeitasen cortar de forma inmediata o gas ruso e Hungría ameazase con vetar calquera embargo enerxético.

Armamento pesado

Ademais, antes da reunión de ministros de Exteriores dos países OTAN de onte, o secretario xeral, Jens Stoltenberg, afirmou que Kiev necesita "con urxencia" máis apoio militar. "É importante que os aliados estean listos para reforzar a asistencia a Ucraína tanto con sistemas pesados como lixeiros, isto ten un efecto cada día no terreo", subliñou, ao ser preguntado sobre se a OTAN mandaría tanques a Ucraína.

China pide investigación

O representante de China ante a ONU, Zhang Jun, afirmou nunha reunión do Consello de Seguridade que as imaxes das mortes de Bucha son "profundamente perturbadoras", mais precisou que "calquera acusación debe basearse en feitos". "Antes de que se aclare o panorama completo, todas as partes deben actuar con moderación e evitar acusacións infundadas", dixo Jun.

Ao respecto, Rusia, despois de solicitar unha investigación no seo da Consello de Seguridade da ONU vetada polo Reino Unido, propuxo onte involucrar ás organizacións internacionais de dereitos humanos.

1.500 civís mortos

O Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos confirmou onte que xa son case 1.500 os civís mortos e máis de 2.000 os feridos desde que comezou o conflito bélico entre Rusia e Ucraína o pasado 24 de febreiro.

Comentarios