Como está afectando o conflito de Ucraína á nosa economía?

A falta de materias primas que proveñen de Rusia e Ucraína xa se está a facer notar na economía. Sectores como os de alimentación, automoción, tecnoloxía e enerxía son os principais afectados.
Agricultor lucense traballando a terra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Agricultor lucense traballando a terra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os sectores de alimentación, automoción, tecnoloxía e enerxía foron os primeiros que se teñen resentido de forma considerábel na súa cadea de subministración mundial polo impacto provocado pola crise en Ucraína, informou a Organización Empresarial de Loxística e Transporte UNO.

A alimentación pode verse afectada porque a guerra enfronta dous países relevantes na produción de cereais como trigo, millo, centeo ou cebada, presentes en numerosos produtos comestíbeis, tanto para a nutrición humana como animal.

En concreto, Rusia é o primeiro exportador de trigo e Ucraína fornece 35% de todos os cereais que entran á Unión Europea.

Doutra parte, ambos os países abastecen de metais que interveñen na fabricación de automóbiles, dispositivos tecnolóxicos e electrodomésticos.

Rusia acumula case 10% das reservas mundiais de aluminio, níquel e cobre, e produce 40% de todo o paladio, mentres que Ucraína é provedor de níquel, que se utiliza na produción dos chips electrónicos. 

Respecto da enerxía, o prezo dos combustíbeis segue aumentando desde hai meses, cun incremento medio do gas natural de 365%.

"Os efectos inflacionarios preséntanse como os principais factores económicos iniciais de maior relevancia" que derivan do conflito na Ucraína, segundo Salvador Marín, doutor en Ciencias Económicas.

Consecuencias que han impactar na economía europea e, así pois, tamén na galega, como acredita o economista Marcelino Fernández Mallo en conversa con Nós Diario.

"A economía europea ten centros moi dependentes de Rusia en campos como o combustíbel e o gas, non tanto así o Estado español e a Galiza, mais todo se verá afectado".

Comentarios